DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O candidato a reitor presentou o seu programa na EE Forestal e na Facultade de Fisioterapia

Salustiano Mato defende un campus con personalidade propia na chegada da campaña a Pontevedra

Avogou por novas liñas de especialización en áreas como a xurídico-social ou as enerxías sostibles

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 21/03/2014

“A fortaleza está na diferenza, non na uniformidade”. Con esta idea como punto de partida, Salustiano Mato subliñou no seu primeiro acto de campaña no campus a importancia de que Pontevedra siga a senda trazada polo Campus do Mar de Vigo e o Campus da Auga de Ourense e avance cara a especialización. Na presentación na Escola de Enxeñaría Forestal do programa electoral de Alternativa Universitaria, o candidato a reitor destacou entre os retos do mandato que iniciaría tralas eleccións do 1 de abril dotar ao campus pontevedrés de “personalidade propia” a través do proxecto de especialización do Campus CREA, un plan que agarda que a Universidade poida presentar á Xunta de Galicia este mesmo ano.

O Campus CREA abrirá oportunidades á comunidade universitaria

Acompañado polo candidato a vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, Mato expuxo nesta xornada na EE Forestal e na Facultade de Fisioterapia as liñas xerais do programa de Alternativa Universitaria, nuns actos nos que o candidato a reitor salientou que o proxecto do Campus CREA “abrirá oportunidades para toda a comunidade universitaria, xa que concilia a diversidade da oferta académica dun campus con titulacións moi singulares nun momento no que é preciso avanzar cara a especialización”. Coa saúde e o deporte, o medio natural, a creatividade, a xestión pública e a educación como eixos, este proxecto de especialización debe atopar os “denominadores comúns” que doten ao campus dunha “imaxe de marca global que o internacionalice e poña en valor as súas titulacións”. Os avances neste proceso, a xuízo do reitor “deberían levarnos á autoxestión e ao autogoberno do campus ao final da lexislatura”, a través da coordinación da Vicerreitoría e do futuro comité de dirección do Campus CREA.

Nesa aposta pola especialización que fará posible que “se deixe de falar de campus centrais e periféricos”, Mato destacou tamén o papel que poderían xogar os centros pontevedreses nas novas liñas de especialización que propón para o próximo mandato, como son a investigación na área xurídico-social, que quere constituír coma un “eixo específico de especialización”, e o medio natural e as enerxías sostibles, un campo que na EE Forestal conta con “moitos activos especializados”.

Avanzar no modelo de Universidade do século XXI

No encontro que mantivo nesta xornada coa comunidade universitaria na Escola de Enxeñaría Forestal, Mato fixo balance do conseguido pola Universidade nos últimos catro anos e avogou por dar continuidade ao labor desenvolvido en áreas como a innovación e a transferencia, co obxecto de profundar no que entende “o modelo de Universidade do século XXI”, aquel que pasa por situar á institución académica como o “epicentro da economía do coñecemento”. “O noso escenario de traballo é o mundo”, engadiu o candidato a reitor, que criticou que as medidas do Goberno central vaian “xusto no camiño contrario” ao papel que Europa defende para as universidades no Horizonte 2020.

No novo escenario que xurde trala implantación do Espazo Europeo de Educación Superior, Mato incide na necesidade de dar resposta á “asimetría competencial histórica que existe desde hai 20 anos” entre centros e departamentos, nun contexto no que a concepción das “áreas de coñecemento como departamentos estancos está obsoleta”. Por ese motivo, anunciou que entre os seus plans para o próximo mandato figura, tralo cambio de estatutos ao que obriga a nova Lei galega de universidades, a aprobación dun novo regulamento de organización académica adaptado á “realidade pos-Boloña, que incrementou notablemente as funcións que corresponden aos centros”. No mesmo contexto, tamén destacou entre os seus obxectivos a creación de comisións permanentes de grao, posgrao e calidade que permitan xerar un “sistema de codecisión” e que posibiliten “un traballo previo a cada medida que se vaia levar á comisión académica no que se escoite a todos”. Así mesmo, o candidato defendeu tamén a necesidade abrir novas canles de comunicación coa “base social da universidade”, ao entender que os “vehículos habituais para a comunicación interna”, como podería ser o Claustro, “xa non son suficientes”.

Por outra banda, Mato dedicou boa parte da súa intervención a presentar varias das novidades do programa co que concorre ás eleccións, como o Programa de Prestixio da Docencia, que tratará de “dignificar un labor que debera ter tanto prestixio como a investigación”, o Programa de Fortalecemento da Docencia ou o Programa de Internacionalización da Docencia, que buscará fomentar os convenios entre as diferentes escolas e facultades e institucións académicas consideradas de referencia nunha área de coñecemento concreta doutros países.