DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor e o secretario xeral do PSdG apelan ao coñecemento e á innovación para saír da crise

Salustiano Mato e Pachi Vázquez consideran á universidade clave no desenvolvemento do modelo económico do futuro

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 17/11/2010
No seu primeiro encontro institucional o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e o presidente do grupo parlamentario socialista e secretario xeral do PSdG-PSOE, Pachi Vázquez, coincidiron en situar á universidade como punto de partida da saída da crise económica, así como dun modelo económico de futuro baseado “na eficiencia, o coñecemento e a innovación”, sinalou o reitor. Mato e Vázquez incidiron na importancia da competitividade e na necesidade de garantir os dereitos públicos, ao tempo que demandaron da Xunta de Galicia unha aposta firme pola I+D+i que Vázquez considera “se converteu nun arma arroxadiza que ninguén asume e todos se tiran á cabeza”.

Na súa comparecencia ante os medios o reitor da Universidade de Vigo tamén fixo referencia á posibilidade de que a Consellería de Educación asuma proximamente a xestión das bolsas e dos contratos dos investigadores galegos. Á espera dunha confirmación oficial por parte da Xunta o reitor manifestou a súa preocupación pola indefinición do plan de I+D que substituirá ao actual e apuntou que desde un punto de vista da gobernanza “non é bo compartimentar o que ten que ver coa I+D+i. Antes se tendía a agrupar e isto será unha volta atrás que fai difícil a eficiencia”, asegurou o reitor.

O coñecemento é a ruta do futuro

Innovación, coñecemento e investigación, son segundo Pachi Vázquez as claves da saída da crise económica actual que ten o seu punto de partida “na sociedade do coñecemento e nas universidades”. Para o secretario xeral do PSdG-PSOE en quince anos viviremos nunha sociedade “na que nada volverá a ser igual” e na que haberá un modelo neoliberal e outro socialdemócrata “que entende que a saída da crise pasa por apostar pola innovación, o coñecemento e a investigación”.
Vázquez que eloxiou ao reitor que definiu como “unha persoa clave na I+D+i en Galicia” e trasladoulle a súa felicitación pola consecución de Campus de Excelencia Internacional para Campus do Mar, amosou a súa preocupación polo que considera una falta de aposta de futuro cun gran investimento na universidade e en innovación. Vázquez avogou por acadar unha sociedade “competitiva e produtiva en novos escenarios” que xere as garantías do estado de benestar.

Compromiso social da Universidade de Vigo

Pola súa banda o reitor Salustiano Mato manifestou abertamente o compromiso da institución académica co tecido socioeconómico que fixou como obxectivo ao que achegarse “para correlacionar capacidades”. Tras un inicio de mandato no que Mato puxo o acento na internacionalizacion da transferencia, o reitor manifestou a súa intención de seguir “a suar a camiseta achegándonos a todos os sectores empresariais para correlacionar capacidades”.

Para o reitor da Universidade de Vigo “o Sistema Universitario de Galicia debe ser clave para o modelo económico do futuro baseado na eficiencia, o coñecemento e a innovación”, un modelo que segundo o reitor debe permitir a Galicia xerar riqueza para disfrutar dos dereitos públicos.

Preocupación común polo futuro da I+D+i en Galicia

Aínda que en termos moi distintos, Mato e Vázquez expresaron a súa preocupación pola actitude que a Xunta está a manter en relación coa I+D+i. O secretario xeral do PSdG-PSOE asegurou que o goberno autonómico “non ten fe na investigación “ e considerou un erro “recortar orzamentos no motor que nos vai sacar da crise”. Pachi Vázquez asegurou que a I+D+i “se converteu nun arma arroxadiza que se tiran á cabeza” e en relación coa aprobación dun novo plan que substitúa ao actual afirmou que “non se pon en marchar porque ninguén o asume”.

Pola súa banda o reitor amosou a súa preocupación en relación co programa de recursos humanos que lembrou “foi un modelo a seguir en toda España e non se debe perder”. Ante a posibilidade de que a Consellería de Educación asuma proximamente a xestión das bolsas e dos contratos dos investigadores galego e á espera dunha confirmación oficial por parte da Xunta, o reitor apuntou que desde un punto de vista da gobernanza “non é bo compartimentar o que ten que ver coa I+D+i. Antes se tendía a agrupar e isto será unha volta atrás que fai difícil a eficiencia”, asegurou o reitor.