DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O candidato a reitor visitou CC da Educación e do Deporte e CCSS e da Comunicación

Salustiano Mato pechou a campaña electoral en Pontevedra cun chamamento á participación

Alternativa Universitaria empregou menos do 40% do orzamento que se lle adxudicou para os comicios

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 28/03/2014

Animar á comunidade universitaria a participar na “festa da democracia” que a Universidade celebrará o martes 1 de abril. Este foi o “gran reto” do candidato a reitor Salustiano Mato na campaña electoral que se pechou hoxe venres no campus. A festividade da Reconquista en Vigo propiciou un acontecemento pouco frecuente nas eleccións á reitoría, como é que o último acto da campaña tivese lugar no campus de Pontevedra, onde o candidato de Alternativa Universitaria debullou as liñas xerais do seu programa nos encontros celebrados coa comunidade universitaria nas facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e de Ciencias Sociais e da Comunicación.

“Saber que era o único candidato supuxo para min un incremento da responsabilidade, porque o reto de incentivar á participación nas eleccións era moito maior”, salientou Mato, que ao longo das dúas semanas de campaña tratou “non só de explicar o noso plan de goberno para a próxima lexislatura, senón tamén de animar á xente a que participe aínda que só haxa un candidato”. Neste senso, incidiu no valor que ten este proceso electoral de cara a “defender que a Universidade ten que ser dona de si mesma e, polo tanto, que é a comunidade universitaria a que debe elixir aos seus gobernantes”. Por iso, ademais de desenvolver unha serie de actos “nos que puidemos falar con toda a comunidade universitaria, con todos os centros e con todos os colectivos para trasladarlles o noso programa de goberno”, o candidato de Alternativa Universitaria tamén levou a cabo iniciativas nas redes sociais co obxectivo de fomentar a participación do alumnado “non só na elección do reitor, senón tamén na dos seus representantes no claustro, co obxectivo de que se sintan máis e mellor representados”.

Unha campaña na que se usou menos do 40% do orzamento

Nesta xornada de peche de campaña, Alternativa Universitaria fixo público que dos 6000 euros que lle concedeu a Comisión Electoral para o desenvolvemento da campaña, só foron empregados 2374, destinados á elaboración de material, impresións, dietas de desprazamento e outros gastos, polo que retornarán á institución académica os 3626 euros restantes, o 60,4% da contía total. Desde o colectivo que lidera Salustiano Mato salientouse que con este “exercicio de sobriedade e transparencia” buscábase facer un uso racional dos fondos, “en consonancia co contexto económico e electoral dun comicios aos que Mato concorre en solitario”.

Potenciar a docencia e a especialización

Acompañado por Juan Manuel Corbacho, candidato a vicerreitor do campus de Pontevedra, Mato presentou no campus as liñas xerais do seu programa, resultado do traballo de “escoitar a todo o mundo” antes do inicio da campaña coa idea de "facer unha autocrítica real”. Este labor de precampaña, segundo salientou o candidato a reitor, permitiu comprobar a aceptación do traballo realizado en ámbitos como o I+D+i ou a política económica da Universidade. Mais tamén lle permitiu observar eivas como “un déficit de comunicación interna”, motivado porque “as estruturas das que estamos dotados para comunicarnos desde o punto de vista institucional non serven na etapa posterior a Boloña”, así como a necesidade de impulsar nos próximos catro anos iniciativas centradas en poñer en valor a “principal misión da Universidade, a docencia”. Por iso, o candidato a reitor dedicou boa parte das súas intervencións a detallar as novas medidas que propón neste ámbito, como o fomento de programas de formación complementaria e transversal, o recoñecemento do traballo do PDI a través do programa de prestixio da docencia, o impulso da “cogobernanza e a codecisión” coa creación de comisións permanentes de grao, posgrao e calidade ou a implementación de prácticas de innovación educativa a través do plan propio de docencia.

Ademais de afondar nas novas medidas, Mato tamén fixo balance do traballo desenvolvido nos últimos catro anos, destacando que contribuíu a que a Universidade “teña un modelo cada vez máis afianzado e con mellor proxección de exterior”. Segundo o candidato a reitor, isto pasaría por situar á institución académica “como o epicentro da economía do coñecemento, o único modelo válido para que o mundo camiñe cara o benestar social”. Nesa liña, Mato defendeu para a Universidade “unha posición de liderado no Horizonte 2020”, para o que avogou por continuar “pescando en caladoiros internacionais” co obxectivo de impulsar proxectos institucionais de I+D vinculados á especialización.

A este respecto, Mato incidiu na importancia que terá o proxecto do Campus CREA para que o campus de Pontevedra poida optar a convocatorias de ámbito internacional. O candidato a reitor destacou a necesidade de impulsar “unha maridaxe das especificades do campus coas necesidades socioeconómicas da comarca” como un dos obxectivos centrais da comisión encargada de elaborar o plan estratéxico de CREA, que prevé presentar á Xunta a finais de ano. Non obstante, tamén afirmou que non se agardará á presentación deste plan para “comezar a traballar, xa que pronto imos empezar coa constitución dos clúster de I+D” nas que serán as áreas de especialización do campus pontevedrés.