DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A candidatura de Alternativa Universitaria propón a creación de dez vicerreitorías, dúas en Ourense

Salustiano Mato pon o seu programa de goberno ao servizo do desenvolvemento real da misión da Universidade

Docencia, investigación, transferencia de coñecemento e xestión de recursos humanos, eixos do progra

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 25/03/2010

Co obxectivo de desenvolver de xeito real as accións que constitúen a misión da Universidade de Vigo: formación integral do alumnado, investigación e transferencia do coñecemento, Alternativa Universitaria concorrerá ás eleccións a reitor que se celebrarán o vindeiro 20 de maio cun programa electoral baseado en oito eixos estratéxicos que segundo explicou o candidato Salustiano Mato durante súa presentación “define actuacións novas e incide na potenciación doutras que xa se están a facer”. Accións de goberno a desenvolver desde as dez vicerreitorías que conforman a candidatura de Mato que contempla a fusión de Economía e Planificación; a de Titulacións, Organización Académica e Profesorado e a separación de Investigación e Transferencia, así como dúas vicerreitorías no campus de Ourense, unha delas dedicada a investigación.
Na presentación que este xoves tivo lugar no Edificio Miralles, o candidato de Alternativa Universitaria tamén avanzou a súa aposta por unha Xerencia profesional e allea á Universidade, “externa”, concretou Mato, “pero con persoal propio”.

Eixos e obxectivos estratéxicos do programa de goberno

Titulacións; Docencia e estudantes; Investigación, Transferencia do coñecemento; A Universidade na sociedade; Xestión dos recursos humanos; Dirección estratéxica e Loxística e infraestruturas, son os oito eixos estratéxicos do programa de goberno de Alternativa Universitaria, que segundo o seu candidato “bebe de xeito explícito ou implícito de catro áreas transversais que son a igualdade, o idioma, o desenvolvemento sostible e a internacionalización”.
Na súa intervención Salustiano Mato debullou algúns dos obxectivos e accións contempladas para desenvolver os eixos programáticos e así citou no caso de Titulacións a necesidade de aproveitar Boloña para prestixiar a oferta educativa da Universidade “na que o que seu alumnado debe sentirse orgulloso de estudar”, apuntou. A formación integral do estudantado, a mobilidade e sobre o todo a introdución dos egresados no mercado laboral, para o que se contemplan programa específicos, son os obxectivos contemplados no eixo de Docencia e estudantes.
En canto á Investigación, Mato avoga pola potenciación dos grupos competitivos, tanto consolidados como emerxentes, así como polo “agrupamento a través da cooperación intelixente”. A Transferencia do coñecemento, que o candidato de Alternativa Universitaria considera “unha materia pendente”, obriga segundo Mato a poñer en valor o coñecemento, “visualizando o que significa a transferencia”, logrando o apoio da cidadanía e facendo que os gobernos vexan á universidade como un investimento e non como un gasto.
Acadar que a Universidade sexa un referente na sociedade mediante a participación activa cos axentes e as institucións é outro dos obxectivos estratéxicos contemplados no programa de Alternativa Universitaria que pretende, segundo Mato, “que vexan na institución “un aliado estratéxico, imparcial, solvente, unha man amiga para resolver problemas”.
Contar cun persoal cualificado e adecuadamente retribuído mediante un sistema de xestión integrado de desenvolvemento humano; optimizar o uso dos recursos mediante a mellora da xestión e dispoñer de instalacións de calidade, son os obxectivos estratéxicos fundamentais dos eixos referidos a Xestión dos recursos humanos; Dirección estratéxica e Loxística e infraestruturas, respectivamente.

Dez vicerreitorías para desenvolver o programa

Como “un instrumento para desenvolver o programa”, definiu Salustiano Mato ao equipo de goberno do que hoxe presentou as áreas que o conforman, mentres que as persoas que se ocuparán delas daranse a coñecer á volta da Semana Santa. En total serán dez, unha menos que as que integran o actual goberno da institución, as vicerreitorías que propón Alternativa Universitaria, tres transversais: Economía e Planificación, Extensión Universitaria e Relacións Internacionais; dúas da área académica: Títulos, Organización Académica e Profesorado e Alumnado, Docencia e Calidade; dúas da área de investigación e transferencia: Investigación e Transferencia de Coñecemento e tres ligadas aos campus: Pontevedra; Ourense e Investigación e Transferencia do Campus de Ourense.
Unha estrutura da que Mato destacou a fusión de Economía e Planificación, o mesmo que ocorre no caso de Títulos, Organización Académica e Profesorado e de Alumnado, Docencia e Calidade. Pola contra, respecto da actual estrutura, divídense Investigación e Transferencia, encargándose esta última, segundo Mato, “da dinamización da transferencia para que sexa absorbida polo entorno socio-económico e da xeración de infraestruturas para multiplicar os recursos que chegan á Universidade”.
En canto ás vicerreitorías ligadas aos campus o candidato de Alternativa defendeu o concepto de “desconcentración” fronte a descentralización, “porque non chega con ter áreas desprazadas, senón que hai que dota aos campus de estruturas competenciais”, explicou, ao tempo que asegurou que a Vicerreitoría do campus de Pontevedra terá máis competencias que a actual, mentres que Ourense disporá tamén dunha Vicerreitoría de Investigación e Transferencia de seu.
O equipo de goberno completaríase coa secretaria xeral e o reitor que asumiría as Relacións Institucionais para encargarse da representación da institución na sociedade. Mato avanzou ademais a súa aposta por unha Xerencia profesional e allea á Universidade, “externa”, concretou, “pero con persoal propio”.

25 anos de experiencia na xestión académica

A preguntas dos xornalistas sobre a afirmación vertida polo candidato de Nova Universidade, Jaime Cabeza, na que o definiu como “un político que quere outro cargo”, Salustiano Mato lembrou que “son un catedrático con 25 anos de experiencia na xestión universitaria” ao tempo que afirmou que “aquel que ten aspiracións políticas busca outros ámbitos para desenvolvelas”. Mato eludiu entrar a valorar o equipo de goberno deseñado por Nova Universidade, asegurando que “só coñezo os títulos pero non sei o que hai detrás”, aínda que afirmou que “a pesar do dito por Jaime Cabeza de que ía reducir o número de vicerreitorías, ao final se manteñen as mesmas”.
Sobre a súa participación en debates co candidato da oposición, Mato asegurou estar disposto a aceptar todas as propostas que considera positivas para confrontar ideas.