DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recibiu o galardón esta fin de semana en Barcelona

Salustiano Mato, premio á Excelencia Galega, por contribuír ao desenvolvemento e coñecemento de Galicia

Outorgado pola Asociación de Empresarios Gallegos de Cataluña (AEGA-CAT)

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 11/07/2011
Pola súa calidade humana, pola súa traxectoria profesional como investigador no campo da bioloxía e a faunística de miñocas de Galicia e polo orgullo que ten demostrado polas súas orixes galegas. Estes son os méritos polos que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, foi galardoado esta fin de semana co Título de Excelencia Galega na categoría Ciencias e Medicina. Estas distincións, outorgadas pola Asociación de Empresarios Gallegos de Cataluña (AEGA-CAT) recoñecen anualmente o labor de distintas persoas que vinculadas por orixe ou por empatía con Galicia contribúen ao desenvolvemento e coñecemento do país no exterior.

Xunto con Mato, foron distinguidos José Luis Outeiriño Rodríguez, premiado na categoría de Comunicación; Antón Lamazares, Título á Excelencia en Artes; Tomás Pérez Vidal, na categoría de Ciencias Políticas; Antonio Fernández López, galardoado na categoría de Finanzas; Chus Lago Rey, premiada pola súa excelente traxectoria deportiva; Arturo Dopico, distinguido na categoría de Empresa; a Fundación María José Jove, en recoñecemento á súa acción solidaria; e por último, a Xestión do Plan Xacobeo, Título á Excelencia en Restauración e Turismo.

Ao acto de entrega, esta fin de semana en Barcelona, asistiron destacados persoeiros da vida pública tanto galega como catalá como o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ou o secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, que destacou a unión entre o pobo galego e catalán en todos os sectores. Xunto con eles, asistiron Xavier Mena, conseller de Empresa e Ocupación; Salvador Jorba; delegado do Goberno en Barcelona; Jordi Pujol, expresidente da Generalitat de Catalunya, Alicia Sánchez-Camacho, deputada do Parlament de Catalunya polo PPC; Sónia Recasens i Alsina, segunda tenente de alcalde do Concello de Barcelona; e Raimond Blasi i Navarro, concelleiro de Comercio, Consumo e Mercados de Barcelona.

O presidente de AEGA-CAT e de Filmax, Julio Fernández, subliñou que o obxectivo destes premios é recoñecer "a traxectoria de aquelas persoas ou institucións que merecen o recoñecemento da sociedade catalá e galega por facer bandeira da súa terra na súa actividade diaria". O presidente da AEGA-CAT tamén destacou a importancia de este galardón que "ano tras ano consegue fomentar e fortalecer os lazos entre Cataluña e Galicia".

Premios con amplo recoñecemento

Os títulos foron instituídos en 2005 e concédense en diversas áreas fundamentais na evolución da nosa sociedade como a ciencia, a acción solidaria, a empresa, o deporte, a política, a arte, as finanzas, a comunicación e restauración e turismo. Neste tempo os Títulos de Excelencia Galega acadaron una amplo recoñecemento e prestixio xa que son depositarios deles homes e mulleres que traballan con paixón e absoluta dedicación en diversos eidos. Entre outros persoeiros foron premiados Jordi Pujol, presidente da Generalitat durante 23 anos, os ex presidentes da Xunta de Galicia, Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe e Manuel Fraga, ou o galeguista Isaac Díaz Pardo. No eido empresarial e de finanzas, foron distinguidos como galegos excelentes, entre outros, José Luis Méndez e Julio Fernández Gayoso, presidentes de Caixa Galicia e Caixanova, respectivamente. Xunto a eles, nas pasadas edicións foron galardoados tamén persoeiros do mundo artístico e da comunicación como Fernando Ónega, Julia Otero, Sancho Gracia, Luz Casal, Adolfo Domínguez ou Luis Tosar.