DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xosé Antonio Vilán e María Victoria Jato asumirían as responsabilidades desta área

Salustiano Mato presenta a transferencia como unha “aposta estratéxica para conseguir o apoio total da cidadanía”

Reuniuse no campus con docentes, estudantes e persoal de administración e servizos

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 12/05/2010

A transferencia do coñecemento é, en opinión de Salustiano Mato, o principal desafío da Universidade porque, segundo as súas palabras, “a través da transferencia podemos ser capaces de contribuír decisivamente á reactivación da economía produtiva e de apoiar o desenvolvemento social e cultural”. De aí que o candidato de Alternativa Universitaria presente este reto como unha das principais apostas estratéxicas da súa candidatura para acceder á reitoría nas eleccións do 20 de maio. “Conseguir que o noso tecido socioeconómico absorba o coñecemento é o paso definitivo para lograr un apoio total da cidadanía e para conseguir tamén que os gobernos nos vexan como un investimento e non como un gasto”. Así o sinalou este mércores na súa visita ao campus de Ourense onde se reuniu con profesores, estudantes e persoal de administración e servizos para amosarlles as liñas estratéxicas do programa electoral da súa candidatura por Alternativa Universitaria e para escoitar tamén as preguntas e demandas da comunidade académica. Mato subliñou a creación de dúas vicerreitorías, unha de Transferencia de Coñecemento á fronte da cal estaría o enxeñeiro Xosé Antonio Vilán e a outra de Investigación e Transferencia do campus de Ourense coa catedrática da área de Botánica, María Victoria Jato como principal responsable, que traballarían dun xeito coordinado e cun programa especial de recoñecemento da transferencia “para analizar como impactan os nosos estudos e investigacións na sociedade”.

Percorrido polos eixos estratéxicos do programa electoral

Salustiano Mato aproveitou a súa visita ao campus para facer un percorrido polos nove eixos estratéxicos do seu programa electoral comezando polas titulacións “e polo reto de prestixiar a oferta académica da Universidade de Vigo para que tanto os estudantes como os docentes nos sintamos orgullosos de pertencer a esta institución”. En docencia e alumnado Mato defendeu “a formación integral do estudante” coa posta en marcha de novos programas e alternativas en áreas como a oratoria, a solidariedade e o voluntariado, entre outras”. Falou tamén o candidato a reitor da necesidade de dar un salto cualitativo nos programas de mobilidade "para chegar a novos continentes como Asia” e subliñou a importancia das propostas de emprego. Buscar fondos para permitir o acceso á primeira contratación, potenciar as prácticas externas e a posta en marcha dunha convocatoria transversal en réxime aberto e competitivo para a creación de 100 contratos laborais en prácticas destinados aos novos titulados son algunhas das medidas expostas por Mato neste eido.

Xestores de investigación dentro dos grupos

Falou tamén Salustiano Mato de investigación defendendo “o desenvolvemento do potencial dos grupos de investigación emerxentes” e propondo a creación dunha nova figura, “os xestores de investigación dentro dos grupos” para conseguir a captación de fondos e a transferencia dos resultados dos estudos á sociedade. Non esqueceu o candidato a reitor a presenza da Universidade na sociedade “facendo alianzas estratéxicas con todas as institucións” e a xestión dos recursos humanos cun obxectivo fundamental: "que nos sintamos orgullosos de traballar aquí cun bo clima laboral e tendo como obxectivos a estabilidade, a promoción e o recoñecemento do traballo”. A dirección estratéxica, “modernizando a nosa estrutura administrativa para adaptala ás necesidades actuais”; a loxística e as infraestruturas, “dedicando fondos ás esixencias do Espazo Europeo de Educación Superior en canto a sostibilidade, aforro enerxético e accesibilidade” e os servizos á comunidade universitaria “potenciando as actividades culturais e deportivas e apostando polas bolsas aos estudantes” foron outras medidas propostas polo candidato. Salustiano Mato explicou que estas liñas estratéxicas que conforman o seu programa se levarían adiante coa posta en marcha de 80 programas de actuación soportados sobre catro piares: a igualdade real de oportunidades entre homes e mulleres, o idioma “porque é algo que nos singulariza”, o desenvolvemento sostible e a internacionalización.