DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Considera esta etapa como un "desafío emocionante e a culminación dunha traxectoria na xestión unive

Salustiano Mato é ratificado por unanimidade como candidato a reitor pola asemblea de Alternativa Universitaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 11/01/2010

Preto dun cento de persoas ratificaron este mediodía en asemblea ao catedrático de Zooloxía do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, Salustiano Mato de la Iglesia, como candidato a reitor da Universidade de Vigo por Alternativa Universitaria nas eleccións que se celebrarán o vindeiro mes de maio.
Por unanimidade, os integrantes de Alternativa Universitaria que representaban aos tres campus e a todas as escolas e facultades da Universidade ratificaron a Salustiano Mato como candidato a reitor, poñendo así fin a un proceso ao que tamén concorreron os vicerreitores Carmen García Mateo e José Cidrás e a catedrática de Análise Matemática Margarita Estévez. Precisamente cadansúa intervención, Salustiano Mato e o reitor Alberto Gago agradeceron o traballo desenvolvido polos outros candidatables dos que Mato destacou a súa “amabilidade e complicidade”, así como a confianza depositada nel e moi especialmente a do actual reitor “pola dificultade que supón un proceso así”.
Tras detallar aos asistentes á asemblea o proceso interno desenvolvido nos últimos meses para a elección do candidato, Alberto Gago referiuse á nova candidatura como “un proxecto ilusionante que une a Alternativa Universitaria”. Pola súa banda Mato cualificou esta etapa “como un novo desafío e a culminación dunha traxectoria na xestión universitaria”.

Converter os problemas en oportunidades

O candidato a reitor por Alternativa Universitaria recoñeceu as dificultades que na actualidade sofre o sistema universitario pero lonxe de consideralas un freo, Mato afirmou que “representan un desafío emocionante”. Neste sentido o catedrático de Zooloxía asegura que enfronta este reto coa mesma mentalidade coa que asume unha investigación: “superar retos e barreiras imposibles”. Para Mato cando se trata de xestionar ”non se trata de ser un bo xerente, senón de tirar para adiante cunha institución nunhas condicións que representan un desafío e polo tanto o desafío é converter os problemas existentes en oportunidades”.
Despois da súa ratificación na asemblea celebrada hoxe por Alternativa Universitaria, Salustiano Mato presentarase este martes ás 12.00no Edificio Miralles ante os medios de comunicación.

Investigación, docencia e xestión

Doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago en 1986, Salustinao Mato é dende o ano 2000 catedrático de Zooloxía do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo da que foi vicerreitor de Investigación dende maio de 1998 ata agosto de 2005. Desenvolveu a súa carreira investigadora no campo da bioloxía e faunística de miñocas de Galicia, participando en diversos proxectos de inventario e catalogación de invertebrados terrestres e publicando diferentes traballos en revistas científicas de prestixio internacional. No ano 1987 foi investigador postdoctoral nas universidades estadounidenses de Rutgers e Cornell, participando no desenvolvemento dos sistemas de compostaxe que alí se estaban a deseñar. Despois do seu retorno a Galicia, iniciou unha nova liña de investigación baseada no deseño de sistemas de compostaxe nos que primará un correcto desenvolvemento do proceso biolóxico fronte a criterios unicamente tecnolóxicos. Froito deste traballo xurdiron diversas publicacións científicas e técnicas, e dúas patentes de invención. A finais de agosto de 2005 e ata maio de 2009 Salustiano Mato exerceu como Director Xeral de I+D+i da Xunta de Galicia.