DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor analiza no Duvi as expectativas sobre Campus do Mar cara a súa avaliación como CEI

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo: “Somos a única proposta que pode definirse como universidade do mar”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 07/10/2010

En dúas semanas coñeceranse os proxectos que este ano 2010 acadan a categoría de Campus de Excelencia Internacional na convocatoria realizada polo Ministerio de Educación. Unha vintena de propostas que abarcan todos os ámbitos do coñecemento optan a oito mencións que reportarán ás universidades que as acaden unha importante inxección económica ademais dunha imaxe de marca. Plenamente confiado nas posibilidades do Campus do Mar ante unha competición que cualifica de “moi dura” o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, explica no Duvi as súas expectativas cara á resolución da convocatoria para un proxecto que cualifica de "plan estratéxico da Universidade de Vigo" e sobre o que destaca o elevado grao de compromiso adquirido polas administracións, organismos de investigación e institucións académicas.

Tras meses de traballo de centos de persoas e despois de acadar decenas de adhesións de institucións e entidades e centos de apoios cidadáns, a día de hoxe que é o Campus do Mar?
A día de hoxe o Campus do Mar converteuse na maior agrupación estratéxica en investigación e ciencia mariña de toda España e unha das maiores de Europa. Polo tanto é un exemplo de agregación, de intelixencia, de xestión de cerebros e de capacidade que vai ser referente internacional sen ningunha dúbida.

Aínda que na súa esencia está o carácter integrador, sorpréndelle o número e o nivel de apoios que ten acadado o proxecto de Campus do Mar?
Sorprende gratamente pero indica que é un exemplo a seguir e máis nos momentos de crise económica e nos momentos difíciles para os países e para o mundo global o mellor aliado para seguir adiante é a cooperación. E se hai ideas ben estruturadas e todas as partes visualizan valor engadido na súa participación, entón se agregan e esta foi a idea do Campus do Mar. Campus do Mar ofreceu iso que fai que a xente se una para multiplicar.

Se repasa os apoios acadados polo Campus do Mar bota en falta algún ou cre que “están todos os que son” neste proxecto?
Realmente está unha agregación moi importante pero o Campus do Mar aspira aínda a máis, de feito se converteu nun proxecto co epicentro en Vigo, liderado por Galicia, pero un proxecto da Península Ibérica de España e Portugal cara ao mundo e seguramente nesa vocación veremos como estableceremos alianzas estratéxicas con outras entidades españolas e portuguesas.

Parte moi importante nesa relación de entidades e institucións implicadas no Campus do Mar son as outras dúas universidades galegas e as do Norte de Portugal. A presenza das institucións lusas e de centros de investigación e entidades do norte de Portugal evidencia o carácter transfronteirizo deste proxecto. É este un dos seus principais valores?
Dende logo é un dos seus valores. Sen ningunha dúbida dentro de todas as propostas existentes todo o mundo a considera a mellor proposta interrexional. Pero é que ademais ten un sentido non só común, senón tamén histórico. O mar foi o vehículo de coñecemento e descubrimento de gran parte do mundo e o punto de partida foi a Península Ibérica e a referencia foi Galicia e Portugal en gran medida, polo tanto isto foi algo natural e cabeza de ponte para internacionalizar o coñecemento que do mar se sabe en Galicia e no Norte de Portugal. E ese coñecemento que se vive e se palpa en Galicia e no Norte de Portugal eu creo que nos ofrece unha oportunidade enorme para internacionalizarnos e facernos atractivos.

Cando un se enfronta a outros candidatos pola consecución de algo, neste caso a designación de excelencia internacional para un proxecto, resultan inevitables as comparacións. Que lle preocupa, se é que hai algo que lle preocupa, das outras dúas propostas que teñen ao mar como protagonista nesta convocatoria de Campus de Excelencia Internacional?
Nós despois de coñecer as iniciativas temos claro que somos a única proposta que pode definirse como universidade do mar a través do Campus do Mar. Hai outras propostas que teñen nalgunha das súas liñas, nalgunha das súas agregacións investigadoras o mar como motivo. De feito nós aspiramos a establecer alianzas estratéxicas con elas para darlle máis potencia pero en ningún caso de ningunha proposta o mar é o único elemento aglutinador da súa proposta. Se repasamos as propostas de Canarias ou Murcia estamos falando doutros elementos, doutas liñas de acción que non están relacionadas exactamente co mar, hai saúde, hai alimentación, hai outras liñas que son máis amplas. Polo tanto nós aspiramos a ser a universidade do mar de Europa e aspiramos a aglutinar todas as capacidades que sobre o mar se poden agregar e ofrecer en España e en xeral en Europa.

Vostede ten reiterado que Campus do Mar será unha realidade con independencia da resolución que adopte a comité internacional en en breve avaliará a excelencia internacional do proxecto. En que cambiará a Universidade de Vigo coa posta en marcha do Campus do Mar?
Campus do Mar é un plan estratéxico da Universidade de Vigo que compartiu coas universidades galegas e as do Norte de Portugal e con organismos estatais de investigación vencellados co mar e cun alto compoñente en investigación mariña como o CSIC ou o IEO e polo tanto é unha realidade xa. A oportunidade que o Ministerio nos dá coa convocatoria de Campus de Excelencia Internacional é aproveitar unha marca cunha dotación económica que nos vai dar velocidade e que vai servir de catalizador.
E así como buscamos oportunidades nesta convocatoria para desenvolver o noso plan estratéxico, farémolo en todo tipo de concursos, convocatorias e buscando alianzas estratéxicas para chegar a ter recursos, capacidades ou relacións que nos permitan facer posible todos os obxectivos do Campus do Mar. De feito xa o estamos a facer porque en paralelo a esta convocatoria de Campus de Excelencia Internacional que para nós é moi importante pola imaxe de marca e pola dotación económica, ao mesmo tempo xa estamos participando noutras convocatorias e xa estamos buscando fondos específicos para a nosa aposta de Campus do Mar. E algúns xa os temos.

Cara á posta en marcha do Campus do Mar observa algunha dificultade ben sexa polo financiamento, ben a posta a disposición da Universidade das infraestruturas precisas para desenvolver parte do proxecto, ou algunha outra cuestión?
Afortunadamente co grao de compromiso e de aposta do Goberno galego, da cidade de Vigo, do Estado a través dos organismos de investigación especializados no mundo mariño...todos eses problemas se minimizan. Nese sentido temos o compromiso cara ás infraestruturas do Goberno galego de poñelas a disposición, infraestruturas que xa se mencionaron como a ETEA, etc. E ademais imos priorizar a consecución de fondos europeos que son destinados a Galicia e que son elixibles en investigación para esa dotación ao marxe do que consigamos nas convocatorias actuais de Campus de Excelencia. Polo tanto eu vexo que está despexado o horizonte para traballar e o tema de financiamento a pesar de estar en crise económica vai ser un problema de velocidade espazo-temporal. É dicir, pode ser que en momentos de bonanza poidamos ir máis rápido porque a fluidez do financiamento é maior, neste momento non é así porque estamos en crise económica e iremos máis despazo na consecución de determinados obxectivos que precisan recursos financeiros.
Pero o máis importante do plan de viabilidade do Campus do Mar é que non está dependendo única e exclusivamente para ter resultados de financiamento. Só a estratexia de gobernanza do Campus do Mar e a súa intelixencia imaxinativa e creativa á hora de articular as capacidades de todos os socios e deses máis de 3000 investigadores vai dar resultados multiplicativos sen estar pendentes de infraestruturas, de financiamento específico, etc. Polo tanto é algo no que podemos confiar de ter resultados de interese nun curto prazo.

Cando restan poucos días para coñecer a resolución do comité internacional encargado de avaliar a excelencia internacional do proxecto, cales son as súas expectativas?
A min non me cabe ningunha dúbida. As miñas sensacións son moi positivas. O que nos chega de Madrid é moi positivo. Evidentemente a competición é moi dura e hai moi boas propostas en todas as áreas de coñecemento, pero está claro que é a máis orixinal, a máis imaxinativa, a máis singular e a máis centrada e non me cabe ningunha dúbida que o comité internacional vai acollela e puntuala axeitadamente.
Xa pasar a final significa que é a aprobación de que é un bo plan estratéxico, de que é un magnífico plan estratéxico que merece a consideración de Campus de Excelencia, polo tanto agora só nos queda ver se por restricións orzamentarias, por que o problema dos 22 que agora estamos para esas oito mencións é un problema de restrición orzamentaria, se temos a mención que conleva recursos económicos. Evidentemente son as miñas sensacións e se visibiliza claramente que isto non é só un proxecto para presentarse a unha convocatoria senón que é unha realidade que quere alimentarse dunha convocatoria.