DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello Galego de Universidades deu luz verde á fusión

Salustiano Mato reivindica a nova Escola de Enxeñería Industrial como “buque insignia” da Universidade

Tamén se aprobaron as denominacións de EE Forestal, Facultade de Fisioterapia e EE de Telecomunicaci

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 30/12/2010
“Xa temos un dos centros máis importantes do sistema universitario galego, o buque insignia da Universidade”, así se refería este xoves Salustiano Mato á nova Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, á que este mércores deu luz ver o último Consello Galego de Universidades deste ano. Foi unha fusión complexa na que se uniron a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais e a Escola Universitaria de Enxeñaría Industrial converténdose así no segundo centro de Galicia coa oferta docente máis completa do Sistema Universitario Galego, só superado pola Facultade de Medicina de Santiago de Compostela.

A nova debe lerse, a xuízo de Mato, nun contexto de racionalización, de optimización de recursos. “Trátase de lograr sinerxías para buscar efecto multiplicativo, que é o camiño que temos que seguir”, subliñou, ao tempo que recoñeceu o intenso traballo que se levou a cabo dende as dúas escolas ao longo do último ano. “Houbo un enorme grao de consenso e compromiso de ambos centros para sumarse a un proxecto común”, subliñou en relación ao “enorme grado de compromiso e xenerosidade coa institución que tiveron os diferentes membros da escola”.

Con preto de 5000 estudantes, 350 docentes e 15 departamentos implicados, a Escola de Enxeñería Industrial desenvolve a súa actividade nas dúas sedes das escolas universitarias e técnica superior, localizadas na rúa Torrecedeira da cidade e no campus.

Novas denominacións

Ademais desta fusión, o pleno do Consello emitiu tamén o seu informe favorable do cambio de denominación de varios centros da Universidade, unha cuestión que xa contaba co visto e bo Consello de Goberno e do Consello Social da Universidade. Desta forma, a Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Forestal, a Escola Universitaria de Fisioterapia e a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación pasan a denominarse Escola de Enxeñaría Forestal, Facultade de Fisioterapia e Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, respectivamente.

Salustiano Mato, representante do SUG na Macrorrexión

Doutra banda, o pleno do CGU designou tamén ao reitor vigués representante do Sistema Universitario de Galicia na Comisión de Educación Universidade e Investigación da Macrorrexión de Rexión do Sudoeste Europeo (RSOE), composta por Castela e León, Galicia e Norte de Portugal.

“O que temos que intentar facer neste entorno da macrorrexión é definir grandes proxectos e consorcios para o desenvolvemento de diferentes liñas de investigación”, apuntou, ao tempo que indicou que se trata do único camiño “para ser quen de ser máis competitivos despois de 2013 e 2014”, en referencia ás datas nas que Galicia deixará de ser considerada rexión de converxencia e de recibir fondos estruturais.

Ao longo desta sesión o CGU comezou tamén a traballar no deseño dos calendarios para a organización das Probas de Acceso á Universidade (PAU) co obxectivo de adaptalas tamén a Boloña. “Son temas que se debullarán ao longo dos próximos meses e que irán á vindeira sesión do Consello”, especificou Mato.