DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ofrece á Xunta lealdade e demándalle unha maior implicación como socio

Salustiano Mato reivindica o papel da universidade como investimento de alta rendibilidade social

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 27/01/2012

En unha intervención na que foi debullando as luces e sombras que se suceden na sociedade actual e na que detallou as demandas e as achegas que a Universidade de Vigo pode realizar, o reitor Salustiano Mato pronunciou no acto académico de San Tomé un discurso cun marcado carácter europeo no que gabou a “ampla visión e fondo coñecemento do que acontece no mundo enteiro” pero tamén a conexión que mantén co día a día o xa novo Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo, José Manuel Silva.
Mato que comezou a súa intervención lembrando o papel de revulsivo que a UE tivo para as universidades, pasou pronto a analizar os efectos que a crise económica mundial iniciada en 2008 está a ter no mundo académico. En este sentido o reitor destacou o descenso que se ten rexistrado no gasto que as empresas realizan na I+D+i, fronte a convición de “todos os que estamos hoxe aquí e sabemos o necesarios que son os esforzos sostidos no tempo e o perniciosos que son os paróns en este eido, onde é tan difícil consolidar equipos como doado desmantelalos”.

Tras asegurar que os recursos humanos das universidades “non son un chicle que poidamos estirar sen límite”, o reitor incidiu na necesidade de adaptar estratexias e esforzos ás oportunidades , así como a demostrar que a universidade é un elemento clave de apoio ao tecido produtivo e ás institucións. “Somos un investimento de alta rendibilidade social”, asegurou Mato que lamentou que aínda que a investigación, o desenvolvemento e a innovacións estean correctamente inseridos nos discursos políticos, non o estean tanto nas actuacións reais. Unha crítica da que salvou á Unión Europea á que se referiu como “un espazo máis avanzado na súa sensibilidade”. Proba de ese compromiso é o novo Fondo de I+D+i que apareceu no marco comunitario 2007-2013 e que ten a súa contraparte, lembrou o reitor, nos esforzos feitos polos gobernos español e os autonómicos.

Demandas e ofrecementos á Xunta

O executivo autonómico ocupou boa parte da intervención do reitor que por unha banda expuxo as súas demandas e pola outra detallou o que a Universidade pode ofrecerlle. “Pedimos ao goberno galego que se involucre aínda máis connosco coma socio, para, entre outras cousas capturar recursos externos. Necesitamos que a Xunta dea pulo ás nosas relacións coas empresas galegas. Porque a realidade é que temos eivas na cultura empresarial do noso tecido produtivo”, sinalou o reitor que tamén demandou ao goberno galego que dea prioridade aos fondos para a I+D+i no escenario de progresiva saída de Galicia como rexión “obxectivo de converxencia”.

Lonxe de ser unha institución que só reclama, a Universidade de Vigo “como non podía ser de outra forma, tamén ofrecemos”, asegurou o reitor que de entre as achegas da institucións destacou a lealdade, o apoio ás iniciativas de racionalización do mapa de titulacións “afortalando a especialización dos campus sen demandar duplicidades escasamente racionais para o conxunto de Galicia” e definindo instrumentos de financiamento vinculados ao cumprimento de obxectivos. A estas achegas Mato engadiu o desenvolvemento da Lei galega de universidades que “nós vemos, non coma un atranco, senón como unha clara oportunidade para a organización do SUG, o establecemento de obxectivos ilusionantes ou para o deseño da carreira docente e investigadora, na liña que apunta a Lei de Ciencia aprobada en xuño de 2011 e cunha aplicación á que se está custando tomar impulso”.

Proxectos nos campus para enfrontar a futuro

Partindo das necesidades locais para chegar ao global, a Universidade de Vigo ofrece en palabras do reitor “proxectos de futuro, ilusionantes, internacionalizados e competitivos”. Tal é o caso do Campus do Mar, “un instrumento dinamizador da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal” ou o Vigo Tecnolóxico “nacido para desenvolver o potencial de transferencia real dos nosos investigadores co obxectivo de mudar o mapa industrial da contorna de Vigo a partir da innovación”, explicou Mato.

A estes proxectos máis vinculados ao campus de Vigo se engaden os dos campus de Ourense e Pontevedra. Na capital ourensá destaca o Campus da Auga que terá, en palabras do reitor, “ a misión de ser o dinamizador de unha rede multidisciplinar e integrada das unidades de investigación, docencia e transferencia de coñecemento en cinco áreas temáticas que aglutinan o coñecemento do campus e que conforman os futuros clusters: turismo, innovación social e educativa, alimentación, medio ambiente e tecnoloxía informática”.

Comunicación-creatividade e deporte-saúde, son os dous vectores principais no campus de Pontevedra no que tamén se sitúa o proxecto da Rede Aloia co obxectivo de unir os interese investigadores, docentes, económicos e sociais para xerar un ecosistema de coñecemento no ámbito forestal referente no noroeste peninsular, contando coa participación da Escola de Enxeñaría Forestal, a Misión Biolóxica, o Laboratorio de Areeiro e Lourizán.

“Sabemos que somos ambiciosos e que enfrontamos dificultades non pequenas”, asegurou o reitor “pero non podemos nin sabemos traballar de outro xeito. Na Universidade de Vigo temos o máis importante: as persoas e unha estratexia global que se vén desenvolvendo dende hai máis de unha década”. Mato rematou o seu discurso asumindo a responsabilidade de continuar o traballo na presente década co apoio da comunidade universitaria, as institucións e a sociedade galega.