DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No torneo celebrado este martes en Pontedeume

Samuel Villar, do Xadrez Galego-Universidade de Vigo, novo campión galego sub-18

Brais Otero, David Pérez e Marina Aguirre tamén acadaron excelentes resultados

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Sara Alcázar DUVI 18/02/2010
A afección polo xadrez de Samuel Villar comezou hai xa varios anos, cando tivo o seu primeiro contacto con esta disciplina nunha ludoteca e, máis tarde, aprendeu a mover as pezas debutando no Club Alekhine primeiro e no Xadrez Galego-Universidade de Vigo despois. Na actualidade Villar alterna neste último as súas competicións na Primeira División e na División de Honra co equipo universitario. Tras tres anos de perfeccionamento, o seu adestramento comeza a dar os seus froitos. Con tan só quince anos, Villar proclamouse este martes como novo campión galego da categoría sub-18 no torneo celebrado en Pontedeume, que se suma ao seu título de campión autonómico sub-14. Deste xeito, Samuel Villar confirmouse como un dos máximos expoñentes do xadrez galego nun torneo impecable no que acadou cinco vitorias e tres táboas. Pablo García, adestrador de Samuel Villar e capitán do equipo de xadrez da Universidade, amosou a súa satisfacción pola vitoria acadada polo xadrecista, considerándoa “moi destacable” pola súa corta idade, así como a do resto da canteira do equipo universitario, que deixou o listón moi alto. “Estamos moi contentos polo triunfo de Samuel e o resto dos rapaces, xa que fixeron un bo traballo e estamos a manter unha traxectoria moi boa, que dá continuidade a o noso proxecto e nos posiciona como referentes na base e en categorías superiores” argumentou o adestrador, que tamén valorou positivamente as xogadas levadas a cabo por Villar durante o torneo. “Samuel estivo moi cómodo porque ía moi ben preparado e tiña máis soltura e seguridade que os seus rivais, ademais da súa capacidade para adiantarse aos movementos” asegurou García. A boa preparación de Villar para este campionato débese, en gran medida, á oportunidade de xogar no primeiro equipo da Universidade, “onde todos os xogadores debutantes aprenden bastante xa que están xunto aos máis fortes nesta disciplina e teñen un adestramento que afonda moito na preparación das partidas” subliñou o capitán do equipo universitario.
Os excelentes resultados acadados neste torneo polas novas canteiras de xadrecistas da Universidade de Vigo colocan á institución, un ano máis, como principal referente do xadrez en Galicia.

Excelentes resultados do resto da canteira

En cuarta e quinta posición quedaron Brais Otero e David Pérez, outros dous representantes da Universidade de Vigo que participaban neste campionato, no que acadaron un total de seis puntos cada un. No que respecta á categoría feminina, Marina Aguirre fíxose co bronce, aínda que na clasificación xeral estivo case na metade de táboa, ocupando o posto número 28 de entre os 58 participantes.
Grazas ao éxito logrado neste campionato, tanto Samuel Villar como Brais Otero, David Pérez e Marina Aguirre representarán a Galicia no Campionato de España sub-18 que se celebrarán na localidade de Linares (Jaén) entre o 25 de xuño e o 1 de agosto.

Volve a Liga Galega de Xadrez

Tralo parón na liga da pasada fin de semana para disputar os Campionatos sub-14 e sub-18, este sábado ponse de novo en marcha a competición na Liga Galega de Xadrez cun dos encontros máis esperados, no que o equipo da Universidade de Vigo se desprazará ata Mondariz para enfrontarse ao Marcote A, o actual subcampión de España, que leva proclamándose campión da liga na División de Honra 17 anos ininterrompidos. O resultado deste encontro pode resultar decisivo de cara á clasificación final, posto que os universitarios se atopan neste momento como líderes da clasificación, pero a tan só medio punto de vantaxe sobre o Marcote.
Pola súa banda, o equipo escolar enfrontarase ao Alekhine-Correduría Tempu, nun encontro que resultará doado para os xogadores do Xadrez Galego, xa que o seu rival se atopa nos derradeiros postos da clasificación, mentres que a Universidade de Vigo encabeza a táboa con 16,5 puntos.