DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Fisioterapia celebra o seu patrón recorrendo á temática do Facebook

San Aquiles apúntase ao fenómeno das redes sociais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 07/04/2011

Sol e calor, que mellor combinación para honrar un ano máis a San Aquiles, patrón da Facultade de Fisioterapia. Nesta edición, os organizadores optaron pola temática do Facebook para ambientar a celebración, presentando ademais moitas máis novidades coa finalidade de recadar fondos para o viaxe fin de estudos. Organizado polo alumnado de 3º do Grao de Fisioterapia, o volume de xente que se achegou a celebrar o patrón “está a superar as nosas expectativas pois estásenos a rematar toda as as provisións”, aclarou Susanna Cervià, unha das alumnas organizadoras.

Este ano o San Aquiles contou cunha festa chea de novidades, “con propostas que nunca se incluirán no programa”. Decorar a facultade con aplicacións do Facebook foi unha delas, pois no hall do centro dispuxeron un gran mural “que exercía como o muro do Facebook no que cada alumno tiña un apartado para deixarlle unha mensaxe a outro”, coa finalidade de “fomentar a participación e que a xente interactúe e se coñeza”, explicou Cervià. A outra das novidades atopouse na bebida e na comida, pois, este ano decidiron montar un posto de bebidas tropicais “que tivo boa acollida polo calor que fai”, construído polos propios alumnos a partir de troncos de caña. Ademais, venderon comida quente, “que se esgotou xa ao longo da mañá”.

Xogos e actividades tamén se introduciron na xornada, que serviron de complemento á comida e á bebida como o futbolín, concurso de cartas, de baile ou dúas sesións de batucada. A música tampouco faltou grazas a colaboración do dj da discoteca Canelas “pinchando temas para todos os gustos e públicos”.