DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belas Artes celebrou o seu patrón con concertos, xogos e improvisacións

San Ero pecha o calendario de festas das escolas e facultades do campus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Camino Carballeira DUVI 07/05/2009

Moita música, xogos, diversión e improvisación marcaron o ritmo da festa de San Ero, patrón da Facultade de Belas Artes, que se celebrou este xoves e co que remata o calendario festivo do campus por este curso. Á primeira hora da mañá un grupo de estudantes do centro, que colabora na organización de diferentes actividades con motivo desta celebración, ultimaba os detalles da festa. Outros moitos quedarán á improvisación ao longo do día e boa parte da noite. A media mañá San Ero, vestido coas súas roupas máis luxosas e nunha orixinal carroza (un carro de supermercado), foi colocado no seu lugar de honra, no patio do centro, para presidir a festividade.
Os xogos como o futbolín ou unha gymkhana animaron aos mozos que se achegaron á facultade pola mañá. Xa pola tarde, a música cobrou protagonismo. A Sala X converteuse nun improvisado escenario para os concertos de Grumamut, Aquelados, Crewjientes, Unicornibot, The Undressed, Execute e Underside, que se sucederon para animar a festa a partir das seis da tarde. Para que todo o mundo puidese gozar destas actuacións, a organización colocou unha cámara web no espazo e proxectou o vídeo no exterior.

Actividades paralelas e convocatoria a través da rede

Boa parte da celebración viuse completada con accións paralelas dos estudantes do centro. Un grupo deles traballou nos días previos na creación dunha grande araña con estrutura metálica, que adornou o patio interior do centro. Como accións artísticas outro grupo decidiu entregar cascos amarelos, típicos do sector da construción, a todos os participantes; mentres que outros planearon facer o mesmo con pegatinas con códigos de barras.
O boca a boca potencia a súa forza grazas ás redes sociais como Facebook ou Tuenti e a delegación de alumnos de Belas Artes soubo aproveitalas para realizar a convocatoria á festa. Segundo afirmaron, preto de mil persoas anunciaron a súa participación no evento.
Coa celebración do patrón de Belas Artes, o campus remata este tipo de festividades despois de que nas últimas semanas as escolas de Fisioterapia e Forestais e as facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Ciencias Sociais e da Comunicación honrasen aos seus.