DUVI

Diario da Universidade de Vigo

San Leandro abre as celebracións patronais do campus a ritmo de rock, punk e metal

A festa da EUET Forestal trouxo un cartel musical á medida do alumnado universitario

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 25/03/2010

“Unha festa que non era nada, nós fixémola grande”. A choiva e o frío inesperados nestas datas do ano non apoucaron aos organizadores do San Leandro, o patrón da EUET Forestal. No último momento decidiron alugar unha carpa e están convencidos de ter cumprido o seu obxectivo: aumentar o nivel da celebración. Así o manifestaron dous deles, Lucía Ferreiro e Iñaki Tomé, estudantes de terceiro, que apuntaron como prato forte da xornada o cartel musical. Ao longo da tarde pasaron polo escenario, situado diante do centro, Voltaica, Fervellasverzas, Deseqilibrio Mental, Medomedá e Champurada. Rock, punk e metal da terra, quizais pouco coñecidos fóra de Galicia, pero con bastantes seareiros entre o alumnado universitario.
“O ano pasado tiñamos menos cartos, os grupos tocaban de balde e non podiamos traer grandes cousas”, afirma Lucía. Este ano as cousas foron mellor e, entre outras, contaron coa colaboración do Concello, que se encargou do escenario e do equipo de son, e lograron recadar máis fondos con iniciativas propias, o que lles permitiu aumentar a calidade dos concertos.
Contan que a escolla non foi difícil e tanto Lucía como Iñaki aseguran que valoraron “a popularidade, proximidade e bo prezo dos grupos”. Lucía coñecía a un deles e tirando de contactos apareceron os demais. “A maioría canta en galego e iso tamén foi un punto a favor”, comenta Iñaki, que ve tamén a posibilidade de tocar no San Leandro como unha oportunidade destas bandas para darse a coñecer na cidade.

Poker, tiro ao globo e futbolín

Ademais de música, o programa do San Leandro 2009 incluíu actividades de ocio variadas, como un torneo de poker, o xogo do tiro ao globo con dardos e futbolíns. Estas actividades estiveron amenizadas polo grupo de música tradicional Tócame a Ghaita, composto integramente por alumnado da escola.
Iñaki Tomé e Lucía Ferreiro contan que este é o seu segundo ano na organización. “O habitual é que se encarguen os alumnos e alumnas de terceiro, pero como somos moi poucos nós xa comezamos a colaborar en segundo”, explica Lucía. “Coñecémonos todos e levámonos ben, iso é unha vantaxe”, engade Iñaki.
O diñeiro recadado no bar e coa venda de chapas, camisetas e chisqueiros sumará para a conta da excursión de fin de carreira. Aínda non decidiron o destino, pero barallan opcións tan distantes como Grecia e Xamaica.

San Aquiles e Santa Kata, os próximos

Á volta de Semana Santa serán os estudantes da EU de Fisioterapia os que celebren o seu patrón, San Aquiles, o 8 de abril e, a finais do mes, o día 29, será a quenda da Santa Kata da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Os seus respectivos organizadores, que xa levan todo o mes de marzo cos preparativos, deixáronse caer hoxe polo San Leandro, segundo o alumnado de Forestais, “para tomar nota dalgunhas ideas”.