DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de acadar unha celebración nun marco de igualdade 

San Teleco 2018, primeira festa universitaria cun protocolo fronte ás violencias de xénero 

A festa arrancou este mediodía nas inmediacións do centro 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI 27/09/2018

A celebración do patrón da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, que comezou este mediodía e se prolongará ata as 20.00 horas nas inmediacións do centro, convértese na primeira festa da Universidade de Vigo cun protocolo fronte ás violencias de xénero. “Dende a Unidade Igualdade ofrecéronnos unha formación para levar a cabo a nosa actividade como voluntariado lila, con persoas procedentes da propia escola, pero tamén de Filoloxía, Bioloxía, Minas ou Ciencias Xurídicas, coa misión de acadar unha festa nun marco de igualdade onde todas e todos poidan disfrutar libremente”, explica Jaime González, membro da delegación de alumnos da escola na organización da festa.

Xunto á introdución do protocolo fronte ás violencias de xénero, a contratación dun novo servizo de catering, cunha oferta máis económica, son as principais novidades do San Teleco 2018, no que a música electrónica será a gran protagonista cunha serie de concretos que comezarán ás 15.00 horas e continuarán ata as 19.00 coa actuación do cabeza de cartel, o Yaggo Dj, “un artista coñecido no mundiño por actuar no Nova Era e por compartir escenario con Hardwell, Steve Aoki e Martin Garrix”, sinala Jaime González.

A cara máis solidaria da festa

 Un total de 14 estudantes da delegación da escola encargáronse desde o pasado mes de xuño da organización da festa “para que sexa todo un éxito”. Unha celebración, na que ademais do sorteo de premios achegados polos patrocinadores, non faltará unha cara solidaria a través da doazón de parte dos beneficios a Asdegal, “unha asociación galega que traballa en diferentes ámbitos como o acompañamento a enfermos ingresados, acompañamento a domicilio ou en residencias de persoas maiores, apoio a menores…”, explica González.