DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O magosto chega ao campus con cincuenta quilos de castañas

San Teleco abre este venres o calendario festivo dos estudantes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI DUVI 15/11/2007

A praza Miralles será, un ano máis, o lugar de encontro de miles de estudantes que, co San Teleco abren a programación de festas e patróns deste curso 2007-2008.
Despois da experiencia conxunta do San Mineco no pasado ano, desta volta os alumnos da ETSE de Telecomunicación volven ás súas orixes cunha festa que xa arrancou o pasado 5 de novembro con diversos torneos deportivos, de cartas e virtuais.
Na tarde deste xoves, a escola acolleu tamén o tradicional concurso de monólogos, no que tomaron parte estudantes de diferentes centros.
Pero é este venres o gran día dos estudantes da ETSE de Telecomunicación. A festa dará comezo ás 12 do mediodía no centro comercial de Cidade Universitaria, e media hora máis tarde iniciaranse os concertos da man de La Vaga Banda, Wöw, Nenö, Groove Adiccion e Kinki Reggae Clube Sound. Paralelamente, e ao longo de toda a xornada festiva haberá diversos concursos, xogos e sorteos.
Ademais, como novidade, este ano o San Teleco contará con reforzo de trens dende A Coruña e Santiago.

O magosto chega ao campus con cincuenta quilos de castañas

Cincuenta quilos de castañas, viño tinto, licor café caseiro e queimada son os produtos típicos que se poideron degustar este xoves na cuarta edición do tradicional magosto, organizado polo persoal da cafetería de Filoloxía e Tradución en colaboración coa delegación de alumnos.
Ata o remate de existencias, asáronse as castañas e preparouse a queimada para todo aquel que se achegou a este evento que trata de preservar unha das festas máis enxebres da nosa cultura. Esta facultade alberga a moitos Erasmus que acoden ao Centro de Linguas para aprender castelán, e son eles os que “se mostran máis interesados por participar nesta festa, que lles resulta totalmente novidosa”, tal como comenta Paloma, a responsable da cafetería.
Os gaiteiros Carlos e Moreno foron, nesta ocasión, os encargados de poñer a nota musical á xornada, na que tamén tiveron cabida os alumnos da facultade que quixeron demostrar as súas dotes artísticas.