DUVI

Diario da Universidade de Vigo

San Teleco está feito un artista aos seus 25 anos

Música, maxia e polbo á feira para festexar o patrón da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Noemí Rey DUVI 10/11/2010
Santo, santo non será, pero a pesar de acabar de cumprir o cuarto de século de vida o seu poder de convocatoria segue vixente. As portas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación enchéronse de centos de estudantes para soprar as velas xunto ao seu patrón, San Teleco, nunha romaría tradicional que lembra aos primeiros tempos desta celebración. Aínda que desta vez cunha volta máis artística e lúdica: lonxe das conferencias científicas coas que San Teleco comezaba, hoxe o día arrincou ao ritmo do Mago Román e dun peculiar pregoeiro, Víctor Grande, que deu o pistoletazo de saída “cunha canción moi ‘friki’ e un pequeno soneto a San Teleco que remata en grito de guerra”. Subindo cada día “ao monte e con anos sacando as materias xustas para xogar ao mus en horario escolar, agora chega Boloña, chama grao a unha enxeñaría e faime madrugar”, lamentou Grande.

Con moita máis participación de universitarios e universitarias nunha festa que “deixou de ser unha sinxela concentración para consumir alcol e gañou en identidade”, o Meco saíu arroupado polos seus fregueses e fixo de anfitrión da carpa na que, ademais da sangría de balde para o que levara posta a camisola de San Teleco, se podía encher o bandullo con polbo á feira, churrasco, chourizo, empanada ou doces. Todo amenizado por músicos da comunidade universitaria, que entre grolo e grolo deixaron soar a gaita ou as pandeiretas. Xa ao mediodía Cé, Orquestra Pantasma. “Vimos a pasalo día, a desfrutar un rato entre amigos e aproveitar que non hai clase”, comentaban os estudantes antes de que abriran a carpa disposta para a romería.

O San Teleco máis solidario

Os tradicionais campionatos deportivos este ano convertéronse en verdadeiras ‘carnicerías’ nas que equipos de estudantes se enfrontan aos docentes máis valentes do centro. Pero a Semana Cultural de San Teleco non se quedou aí: competicións de mus, tute, póker, ‘gilipollas’, pin pon ou videoxogos que deixaron flamantes gañadores que esta mañá subían ao escenario a recoller os seus agasallos. A sorte que tiveron foi que este ano contaban coa colaboración de varios patrocinadores: Arelas Catering, Gamestop, Academia AM e Reprogalicia xunto con Vitrasa ou Gadis, que deu parte dos produtos que se empregaron como premio.

Pero ademais de deportistas, o alumnado da Universidade é solidario: en total 203 persoas pasaron durante os dous últimos días a doar ás portas da EE de Telecomunicación, 10 máis que o ano pasado, algo "moi satisfactorio" tanto para a organización de San Teleco como para o Centro de Transfusión de Galicia. De alí, ademais de con medio litro menos de sangue, saíron da sala cunha camiseta de San Teleco cun deseño exclusivo da empresa galega Caramuxo que cedeu aos organizadores.