DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co apoio da Reitoría, a dirección da escola e a Delegación de Alumnos

San Teleco recupera a súa identidade transformándose nunha xornada de convivencia

Co lema "De telecos para telecos" celebrarase o 6 de novembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 30/10/2008

Tras cinco anos consecutivos de celebración na Praza Miralles, o San Teleco volve na edición do 2008 ás súas orixes, “unha xornada de convivencia dos universitarios que nos permita estar xuntos un día de festa”, sinala desde a Delegación de Alumnos, Vicente Vázquez.
Foron os propios alumnos da ETSE de Telecomunicación os que, unha vez finalizada a celebración da festa do ano pasado, abriron un proceso de reflexión que lles levou a tomar a decisión de refundar o festexo do seu patrón, que co paso dos anos xa non recoñecían como a súa festa. “Queremos que sexa a comunidade da escola a que disfrute da festa e por iso regresamos ao emprazamento orixinal, xunto á escola e cun programa de celebracións no que recuperamos o pregón ou a procesión do meco”, destaca Vicente Vázquez.
Con algunhas actividades da Semana Cultural que xa deron comezo, como os torneos deportivos, de videoxogos ou cartas, o programa deseñado pola Delegación de Alumnos para o San Teleco 2008 inclúe novidades “como a doazón de sangre, a proxección de cine e documentais, o clube da comedia, teatro e concertos”, apunta Natalia Fuentes.

Adeus ao macrobotellón

De “pequena revolución” cualificou José María Pousada, director da ETSE de Telecomunicación, a nova programación deseñada pola Delegación de Alumnos á que Pousada expresou todo o seu apoio.
Respaldo que tamén manifestou a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza, que destacou a “reflexión que os estudantes realizaron para chegar á conclusión de que o botellón non era a súa festa”. Cabeza que confirmou que a Vicerreitoría puxo os medios necesarios para consolidar o cambio, lembrou que “nós estamos a favor da festa, pero a Universidade é un lugar para crear sinerxías positivas coa sociedade”.
Pola súa banda, Vicente Vázquez lembrou que “a festa na Praza Miralles non se formulou como un macrobotellón, se non como un espazo de promoción de grupos de música locais, pero dexenerou ata se converter en algo que agora pretendemos cambiar para que sexa realmente unha festa para os universitarios”.

O día grande

Para favorecer a participación da comunidade universitaria, a festividade celebrarase o xoves 6 de novembro no aparcamento da Escola onde se instalarán carpas nas que se porá á venda comida tradicional. A celebración comezará cun relatorio sobre o acelerador de partículas e continuará co recuperado pregón, a procesión do meco e a entrega de premios aos gañadores nas diferentes competicións. Coa degustación de comida tradicional e música de ruada finalizarán as celebracións do San Teleco 2008.

Unha paréntese na festa.Condena pola explosión na Universidade de Navarra

Antes de iniciar a súa intervención na presentación das celebracións do San Teleco 2008, a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes deu lectura ao comunicado de condena emitido pola Universidade de Vigo en resposta á explosión dun vehículo este xoves na Universidade de Navarra. Cabeza expresou en nome da institución académica "a máis enérxica repulsa ante uns feitos que non teñen cabida na nosa sociedade", ao tempo que se solidarizou coas persoas que resultaron feridas na explosición. No comunicado ao que deu lectura a vicerreitora, a Universidade de Vigo tamén lamenta profundamente que un espazo destinado á formación e intercambio de coñecemento, "convertérase en escenario da barbarie". O comunicado remata apelando á sociedade para erradicar unha lacra "que pretende enturbar a convivencia dos cidadáns".