DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os festexos do patrón da ETSE de Telecomunicación serán este mércores 4 de novembro

San Teleco segue a gañar en identidade coa celebración dunha nova romaría tradicional

As delegacións de alumnos da Universidade apostan pola autorregulación das festas patronais

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
S. Alcázar DUVI 02/11/2009

Con ganas de repetir a experiencia do ano pasado, o alumnado da ETSE de Telecomunicación ultima os preparativos para festexar ao seu patrón este mércores 4 de novembro. “Coa celebración da romaría tradicional, San Teleco gañou en identidade” afirmou Manuel García, membro da Delegación de Alumnos da Escola na presentación do programa de celebracións no que a directora do centro, Edita de Lorenzo, definiu este evento como “festa de convivencia” na que participan tanto alumnado como profesorado da Escola.
Santa Martínez, ex-alumna do centro, será a encargada do relatorio que abre a xornada e no que co título The European Space Astronomy Centre (ESAC) afondará nas súas experiencias no mundo laboral e comentará as posibles saídas que ten o estudantado unha vez rematados os estudos. A continuación terá lugar a entrega de premios aos gañadores nas diferentes competicións que se celebraron durante a Semana Cultural. A romaría que se desenvolverá no aparcadoiro do centro, comezará co pregón a cargo da cantante de hip hop e alumna da Escola, Aid e coa procesión do Meco, confeccionado polo alumnado de primeiro ano. A continuación terá lugar a festa tradicional galega na que os asistentes poderán degustar a gastronomía típica e gozar da música popular coa participación do grupo de gaitas Faíscas.
Un completo programa de celebracións que segundo a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes Mª del Carmen Cabeza, "permitirá afianzar unha celebración propia da Escola que fomenta a convivencia entre alumnado e profesorado".

San Teleco cultural e solidario

Este ano a organización de San Teleco volveu apostar polas actividades culturais, que se iniciaron o pasado 19 de outubro. Alicia Pérez, integrante da delegación de alumnos da Escola e co-organizadora do festexo argumentou que “San Teleco non só se reduce o día da festa, senón que tamén ten unha extensa lista de actividades que se realizan durante as datas previas e contan cunha importante organización”. A Semana Cultural estendeuse nesta ocasión durante 15 días, duplicando a súa duración con respecto a edicións anteriores. Tamén se decidiu baixar o prezo de inscrición das actividades, poñéndoas ao alcance de todos os alumnos.
Enmarcada dentro do ciclo cultural, cabe destacar a conferencia técnica impartida polos creadores de Tuenti baixo o título Software libre e escalabilidade, que tivo lugar 28 de outubro e que contou cunha grande acollida por parte dos estudantado. No eido dos deportes organizáronse competicións de fútbol sala, fútbol sete, baloncesto e tenis de mesa. Así mesmo os afeccionados aos videoxogos amosaron a súa habilidade coa consola nos torneos dedicados a esta temática, mentres que o mus e o tute foron os xogos protagonistas no torneo de cartas.
As carnicerías enfrontan a profesores e alumnos da Escola en diferentes disciplinas. O alumnado resultou vencedor en fútbol sala despois de disputar un encontro que rematou cun resultado moi axustado de 2-3. Pola contra, en baloncesto os docentes gañaron con moita vantaxe sobre os alumnos, con 61 puntos fronte a 19. A novidade deste ano é a Carnicería mental, na que catro profesores e catro alumnos miden hoxe a súa capacidade intelectual xogando ao Trivial.
O día previo á celebración de San Teleco terá lugar o Clube da Comedia, unha das actividades que máis anos leva realizándose con motivo dos festexos do patrón. O encargado da presentación desta actividade será o profesor da escola, J. Carlos López Ardao e contará coa presenza de dous cómicos galegos.
Pola súa banda campaña de doazón de sangue promovida polos alumnos baixo o nome San Teleco Solidario volve ter cabida nesta edición despois do notable éxito de participación o ano pasado. Nesta ocasión a campaña terá lugar os días 2 e 3 de novembro e os doantes recibirán unha camisola pola súa participación.

Normativa de autorregulación

Na presentación do programa de celebracións de San Teleco 2009 a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes avanzou que as delegacións de alumnos da Universidade de Vigo están a traballar para impulsar unha iniciativa innovadora coa que pretenden levar a cabo un código de autorregulación das festas patronais dos diferentes centros da Universidade. Mª del Carmen Cabeza, gabou esta actitude de “colaboración constructiva” por parte das diferentes delegacións co obxectivo de establecer as directrices para a celebracións dos festexos, centradas no respetco, a colaboración e o entendemento, procurando recuperar as festas orixinais de cada centro.