DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador da facultade Eduardo Outeiro inaugura este xoves a exposición ‘Magnífico’

San Xoán e os solsticios danzan na Sala X

Partindo das figuras de Xoán Bautista e Xesús, o artista articula a mostra como un “baile solar”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 28/06/2017

No evanxeo de Lucas relátase que cando a virxe María, embarazada de Xesús, visitou a Isabel, embarazada á súa vez de san Xoán Bautista, este deu un salto no ventre de súa nai. “De pequeno, sempre imaxinaba ese salto como un baile”, relata o artista e investigador da Facultade de Belas Artes Eduardo Outeiro do episodio que serve como punto de partida para Magnífico, a exposición que este xoves inaugura na Sala X. “O feito de que o solsticio de verán se dedique a San Xoán e o de inverno a Xesús delata que eran figuras moi paralelas”, apunta da idea sobre a que articula nesta mostra un “pequeno baile arredor do sol” que responde á “lóxica simétrica” da interacción entre dúas figuras opostas no calendario solar, “que bailan unha fronte á outra sen chegar a tocarse nunca”.

Titulado en Belas Artes e profesor de Esdemga, Outeiro recoñece que foron as datas para as que se programou a exposición as que converteron a historia de quen "o cristianismo presenta como un precursor ou anunciador de Xesús” no punto de partida dun proxecto expositivo desenvolvido especificamente para este espazo da facultade. A través de esculturas que combinan elementos xeométricos cun releve que reproduce as montañas de Xudea, nas que Xoán creceu e predicou, propostas pictóricas que reflicten ese baile arredor do sol ou unha instalación a través das que se proxectan as sombras de dúas figuras infantís enfrontadas, Outeiro articula unha reflexión sobre o sincretismo que rodea aos dous solsticios. “O máis curioso da figura de san Xoán é precisamente como a sincretizamos, porque un dos rituais pagáns máis antigos que se practica hoxe en día é a noite de San Xoán”, engade este investigador que lembra que tanto o solsticio de verán como o do inverno “son festas das colleitas, ritos agrícolas antiguísimos que o cristianismo adaptou”.

“En certo sentido, inauguramos cunha semana de retraso”, engade nese senso o coordinador da sala e comisario da exposición Ignacio Barcia, dunha mostra que poderá visitarse ata o 29 de setembro e que permite a este espazo “pechar a tempada aludindo a este momento concreto do ano”. Así mesmo, Barcia pon de relevo que un dos aspectos a abordar na programación da Sala X é precisamente “que se amosae o traballo dos artistas que se formaron na facultade”, neste caso dun creador "que tampouco se amosa demasiado, pero que ten un traballo moi interesante”.

Xoán o eremita

A Sala Alterarte do campus de Ourense foi a sede da anterior exposición individual de Outeiro, Cosmoclasia, unha mostra comisariada polo profesor da facultade Alberto Ruiz de Samaniego na que o artista abordaba a soidade dos anacoretas. Un elemento que volve a estar presente en Magnífico, “xa que San Xoán era tamén un eremita, un predicador do deserto, unha figura moi estraña, incluso lixeiramente incómoda, por así dicilo, para os propagandistas da primeira época do cristianismo, como pode deducirse dos poucos textos que hai sobre el, porque era unha figura moi preeminente”, relata.

Unha figura que aborda tamén como un eremita, un dos motivos recorrentes na súa produción artística e eixo tamén da exposición Cabanas para pensar, que en 2011 protagonizou na Fundación Luís Seoane da Coruña. “Os eremitas son figuras moi opostas a esa dinámica por así dicilo de lectura rápida do mundo. Son figuras moi extremas, que non son unha solución nin o que debe ser, pero si o oposto ao que está sucedendo e á velocidade que se pon nas cousas”, engade do que é tamén dos motivos inspiradores dunha exposición que toma o seu nome do Magnificat, a oración que, segundo Lucas, María pronunciou nesa visita á nai de Xoán.