DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O candidato socialista pechou o ciclo que achegou a CCSS e da Comunicación aos candidatos ás elecció

Sánchez Presedo avoga, nun encontro con estudantes, por unha “Europa con máis recursos e presenza no mundo”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 01/06/2009

A Unión Europea precisa “un estímulo e máis recursos para ter máis presenza no mundo” e as eleccións do vindeiro 7 de xuño “son as máis importantes da súa historia”. Esa foi a idea que o candidato socialista Antolín Sánchez Presedo transmitiu este luns nun encontro celebrado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación organizado pola Delegación de Alumnos e a Área de Ciencia Política e da Administración.
Sánchez Presedo debuxou un marco global “de crise ambiental e de seguridade” canda a grave situación económica e financeira e lembrou que a UE non só é importante “pola caixa senón sobre todo política, regulatoria, comercial e estratexicamente”. De feito, Presedo comezou a súa intervención cun dato que ilustra este aspecto: sesenta e catro son os céntimos que custa a UE por día a cada cidadán. Máis que propostas concretas, o candidato socialista aproveitou o encontro para debuxar “o marco global destes comicios”. Apuntou que o candidato do Partido Popular, Mayor Oreja, representa é “a liberalización, a confianza na autorregulación do mercado,a idea de que non hai problemas ambientais e a das guerras preventivas como ferramenta de seguridade”. Fronte a isto, afirmou que o Partido Socialista defende a estratexia de “aforrar en épocas de bonanza económica e dar cobertura aos máis necesitados en contextos de crise”.
Sánchez Presedo indicou que o tema ambiental “é clave desde todos os puntos de vista” e achegou datos como o de que tres cuartas partes da poboación mundial vive en zonas sen capacidade de rexeneración, “algo que en Galicia notamos na pesca”, segundo afirmou, e avogou por un “modelo económico baseado na sostibilidade”. No contexto internacional, destacou que Europa “ten responsabilidade, como a área económica máis potente, de traballar por unha cultura de alianzas e non de choque, promovendo a multiculturalidade, porque non hai un só molde”. Unha Europa “máis social, solidaria coas xeracións futuras e que suba os estándares dos países menos desenvolvidos”, indicou.

Galicia na Unión Europea

Cuestionado por algún dos participantes no encontro, Sánchez Presedo tamén se referiu aos problemas de Galicia respecto a Europa pero antes quixo lembrar que o balance é “moi positivo” xa que o PIB galego subiu "do 59 por cento ao 90" desde que España entrou na UE. “Unha Europa máis forte, supón unha España máis forte e unha tamén unha Galicia reforzada ”, apuntou. A protección da pesca artesanal e o recoñecemento dos mariscadores de pé como xente do mar, con acceso aos fondos de pesca foron sinalados como dous obxectivos por Sánchez Presedo, ao tempo que se posicionou en defensa do apoio “ao sector estratéxico do automóbil”.
O candidato socialista tamén tivo algunhas palabras sobre a educación e indicou a súa intención de potenciar os fondos do Programa Erasmus “para que non só estea ao alcance dalgunhas economías” ademais de estendelo aos estudantes de FP e mesmo Educación Secundaria.