DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A proposta da alumna Susana Ríos foi elixida en votación

“Sin Santa Kata no hay paraíso”, lema escollido para as celebracións da patroa de Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Camino Carballeira DUVI 25/03/2009

O éxito da serie de televisión Sin tetas no hay paraíso non pasou desapercibido na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. De feito, serviu de inspiración a Susana Ríos, alumna de terceiro de Comunicación Audiovisual, para presentar a súa proposta de deseño das camisetas de Santa Kata’09. Saíu gañadora e Sin Santa Kata no hay paraíso será o lema que lucirán as camisetas conmemorativas da festividade. O deseño foi escollido polo estudantado entre as vinte e unha propostas presentadas a concurso.
Desta vez os organizadores decidiron que fose o deseño da camiseta o que marcase a temática da festa da patroa e, trala votación de onte, agora barallan a posibilidade de que as series de televisión ou o contido da serie no que está inspirado, sexan o fío condutor da celebración. En canto ás camisetas desta edición, a semana que vén decidirase a cor. Como hai moitas opinións, os organizadores inclúen no seu blog unha enquisa para acordar este punto.

Ultimando o programa de CultuKata’09

Os concursos, conferencias, actividades deportivas e concertos que integrarán o completo programa de CultuKata’09 continúan perfilándose. Ata o 14 de abril permanecerá aberto o prazo de preinscrición no Mundialito. Os interesados deberán enviar un mail a santakata2009@hotmail.com e, ao día seguinte, deberán realizar a inscrición formal para a que é preciso pagar unha cota simbólica de un euro.
A organización tamén ampliou o prazo para a presentación de traballos para o concurso de spot, fotografía e vídeo ata o 1 de abril. Os traballos do apartado de fotografía deberán reflictir a vida universitaria mentres que nos outros casos a temática é libre. O esforzo e creatividade do grupo gañador será recompensado cunha sesión relaxante no centro de Campolongo de Pontevedra.
Polo demais, a data do martes 21 mantense como a xornada dedicada ás conferencias, con convidados especiais para cada unha das tres titulacións da facultade. Xa está confirmada a presenza do escritor, cantante e director Antón Reixa, dos creativos da axencia BAP&Conde, autora da campaña de Gadis ¡Vivamos como galegos! ou do director de O ano da garrapata, Jorge Coira, que comentará o seu traballo co alumnado o mércores, día no que se proxectarán curtas e proxectos dos propios estudantes da facultade. Finalmente o xoves 23, Santa Kata vivirá o seu día grande coa música, os xogos, os bailes e o concurso de Miss e Mister Santa Kata como pratos fortes.