DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentación da programación cultural das festas que honran á patroa de CCSS e da Comunicación

Santa Kata pásase “ao lado escuro”

Este ano todas as celebracións estarán caracterizadas pola temática da saga Star Wars

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 12/04/2011

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación quedou atrapada nas fouces de Darth Vader e os soldados stormtroopers viñeron a salvala e a “restablecer a orde”. Xa de paso, fixeron de anfitrións e presentaron CultuKata, a nova programación cultural incluída dentro dos actos de celebración que honran á patroa da facultade, Santa Catarina de Siena. Este ano os festexos, organizados polo alumnado de 3º de Publicidade e Relacións Públicas e de Comunicación Audiovisual, terán como temática principal a saga La Guerra de las Galaxias “para fomentar o espectacular e a ciencia ficción”, explicou Paula Domínguez, voceira do comité organizador.

O gran día, datado para o xoves 28 de abril, estará precedido por unha serie de actividades “que tratarán de fomentar o espírito académico e cultural da patroa, máis aló da simple festa”, comentou Domínguez. Así, desde hoxe queda inaugurada a programación cultural, nun acto no que quixeron xa plasmar “o toque Star Wars” convidando á organización Tropa Korribán, “na que todos son fans desta saga e participan en todo o que teña que ver coa temática”. Tanto é así que os tres soldados que acudiron á inauguración portaban “disfraces de valor de 1000 euros”, engadiu Domínguez. Aclarou ademais que esta temática se mantén ao longo de toda a programación e que tamén estará presente o día do festexo “e non soamente nas camisetas”, adiantou.

Cinco días de actividades

Cultukata comeza hoxe mesmo ás 18 horas cunha actividade Star Wars, da que non quixeron desvelar nada, deixando paso ás 20 horas coa inauguración dunha exposición fotográfica, realizada con traballos dos propios alumnos e alumnas da facultade. Mañá mércores continuará a programación con outra actividade Star Wars que culminará na Sala Karma da cidade de Pontevedra cunhas jam sessions. O xoves 14 de abril celebrarase a conferencia La Moda en el cine para deixar paso a outra actividade Star Wars. Despois de Semana Santa reanudarase a programación cultural cun visionado de traballos tamén realizados polo estudantado de Publicidade e Comunicación Audiovisual para rematar o vindeiro xoves 27 cun show a cargo de Samuel Lema.