DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Decidiu presentarse ás eleccións ante a ausencia de candidatos a substituílo

Santiago Gómez Fraiz renova o seu cargo como decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Culminar a acreditación dos títulos e manter a facultade como “centro de referencia” son os seus obx

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 30/10/2012
Tras un ano en funcións e ante a ausencia de candidatos a substituílo no cargo, Santiago Gómez Fraiz decidiu facer un “exercicio de responsabilidade” e volver a presentarse ao cargo de decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, un centro que acolle a preto de 1800 alumnas e alumnos e arredor de 140 profesores. Estes martes celebráronse as eleccións e nelas obtivo o respaldo maioritario dos seus compañeiros -45 votos a favor, 15 en contra, 7 en branco e un voto nulo-.

Satisfeito cos resultados inicia agora unha nova etapa con dous obxectivos en mente: culminar a acreditación dos títulos e seguir traballando para que a facultade se manteña como"centro de referencia” nas cuestións económico-empresariais. Xunto a Gómez Fraiz renovan no cargo os profesores Jorge Vila, Fernando Comesaña, Raquel Arévalo, Carlos M. Fernández-Jardón, como vicedecanos, e Gonzalo Caballero como secretario do centro.

“Teclas importantes nas que pulsar”

Para lograr os seus obxectivos Gómez Fraiz destaca varias “teclas importantes nas que pulsar”. Unha das partes fundamentais, ao seu xuízo, ten que ver co traballo que se fai no centro a nivel de investigación e de transferencia de coñecemento cara o exterior, “onde temos xa moitos puntos gañados”, xa que a facultade viguesa, salienta, é xa moi recoñecida no exterior, tanto a nivel estatal como internacional, pero, igualmente,”trátase dun aspecto que non hai que descoidar polo que faremos todo o posible por facer visibles os resultados do traballo que aquí se fai”. Neste liña o decano, que chegara ao cargo no ano 2008, pon como exemplo a celebración en Vigo do 5 ao 9 de novembro da xuntanza do Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático da ONU, “un encontro en boa medida auspiciado por profesorado deste centro e unha mostra máis de que ademais de cumprir cos obxectivos inmediatos dun centro educativo de facer investigación e docencia de calidade, nos temos que ir máis alá e estar implicados en cuestións de máis calado”.

A segunda “tecla clave” é para Gómez Fraiz a formación e, neste senso, destaca a importancia de ofrecer plans de ensino de calidade adaptados ás necesidades das institucións e empresas que empregan os titulados “trátase de formar bos profesionais que van traballar nas entidades máis relevantes, xa sexa no entorno local, nacional ou rexional”. Relacionado con isto aparece, unha “terceira tecla fundamental” referida á imbricación do centro co tecido empresarial e institucional da súa contorna, un aspecto no que o equipo decanal vai centrar moitos dos seus esforzos, “realizando todo o que estea na nosa man para que se celebren simposios, congresos, cursos… centrados nos ámbitos de docencia e investigación do centro”, apunta o decano.