DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A deportista xoga no equipo feminino do Universidade de Vigo dende hai tres anos

Sara Silva estréase coa selección nacional no Mundial Universitario de Rugby a 7

O torneo terá lugar entre os días 11 e 13 de xullo en Brive, Francia

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Jessica Fdez DUVI 10/07/2012

“Con bos propósitos, coas ideas claras e con moitas ganas”. Esta é actitude coa que a deportista Sara Silva, xogadora dende hai tres anos do equipo feminino do Universidade de Vigo Rugby, se enfronta ao que é, polo de agora, o maior reto da súa carreira deportiva: participar co equipo español na quinta edición do Campionato Mundial Universitario de Rugby a 7. O torneo, que se celebra en Francia entre os días 11 e 13 de xullo, “é unha gran oportunidade para dar o mellor de nós, demostrar do que somos quen as xogadoras e dar a visibilidade necesaria a un deporte que aínda non é maioritario pero que conta cunha gran canteira”, explica Sara Silva..

Malia que é a única deportista da selección nacional que non xoga nun equipo que compite na División de Honra, o seu nivel e calidade fixeron que José Antonio Barrio, seleccionador do equipo español de rugby a 7, confiara nas súas capacidades deportivas para formar parte do seu conxunto. A noticia foi toda unha sorpresa para Silva xa que “cando xogas en equipos de categorías inferiores é moi difícil que se fixen en ti e nin sequera pensas na posibilidade de ser a escollida para participar nun campionato a nivel mundial, polo que é todo un honor”, aclara a estudante de Relacións Laborais da Universidade de Vigo.

Un equipo con posibilidades

Tras quedar primeiras na edición anterior do Campionato Mundial Universitario celebrado en Oporto, Sara Silva súmase ao equipo “con moitas ganas de repetir este resultado logrado polas miñas compañeiras”. A xogadora realizou un plan de adestramento físico moi estrito “xa que nunca xoguei na selección nacional e quero adaptarme ben ao equipo para estar a altura das circunstancias”. Recoñece que se enfrontarán a seleccións nacionais cun alto nivel no xogo pero amósase optimista xa que “imos facer todo o que estea nas nosas mans para que a selección nacional e o rugby en xeral ocupen o lugar que merecen”, conclúe a xogadora.

Da fase de grupo sairán os enfrontamentos finais

Os equipos nacionais estarán divididos en grupos que se enfrontarán por lograr o prezado título. Nunha primeira rolda, a selección española competirá cos conxuntos do grupo F, integrado por Gran Bretaña, Romanía e Brasil. Unha vez finalizada esta fase e en función dos resultados obtidos, pasarían a unha segunda rolda na que se verán as caras coas seleccións do grupo E, Francia, Italia, Canadá, Bélxica e Xapón, en partidos dos que sairán os gañadores definitivos deste campionato mundial.