DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acolleu a entrega de bandas

Satisfacción e expectativas para os novos posgraduados en Turismo

Responsables e docentes destacan a excelente formación desta promoción

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 25/03/2011
Sempre é unha satisfacción celebrar o peche dunha etapa que significa un paso adiante máis. No ámbito universitario esta satisfacción culmina tradicionalmente nos actos de graduación. Sen embargo e ante o crecente peso dos posgraos e másters, comezan a cobrar protagonismo tamén os actos de posgraduación, como o celebrado este venres pola IV promoción do Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.

Con moita ledicia e rodeados de familiares e amigos, os 25 novos posgraduados recibiron as súas bandas e diplomas nun acto no que fixeron un balance moi positivo dos dous anos de traballo e estudo que rematan este curso. A todos eles, Elisa Alén, como decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e María Lameiras, como vicerreitora do campus, pedíronlle ilusión na nova etapa que emprenden, desexando que este sexa o primeiro paso nun exitoso desenvolvemento profesional.

José Antonio Fraiz, coordinador do máster, foi o encargado de analizar esta etapa de formación da IV promoción e dela quixo salientar que “damos fe de que están superpreparados para incorporarse ao mercado laboral”. Nesta formación quixo salientar o papel dos arredor de 80 docentes académicos e profesionais que participan no máster, con representación internacional, e o amplo e diverso programa de actividades que desenvolven os alumnos.

Vencer o pesimismo

Aos padriños de promoción tocoulles falar do futuro profesional que lles agarda a estes novos profesionais. Valerià Paül, padriño académico, pediulles que non se deixen “vencer polo ambiente de pesimismo existente” e fagan honra “ao investimento en recursos dos pais, dos docentes e do país” que se ten realizado na súa formación. Pola súa banda, Benigno Amor, padriño institucional e xerente de Balnearios de Galicia, tamén incidiu na importancia de “aproveitar todo o capital humano” que significan e pediulles que non deixen de apostar polo potencial que hai no turismo termal en Ourense e en Galicia.

Durante o acto tamén se fixo un recoñecemento ás dúas novas empresas colaboradoras do máster en canto á realización de prácticas para os alumnos, que son Halcón Viajes e IBERNISHA Termas Chavasqueira e Outariz. A decana da facultade quixo facer fincapé na importancia desta colaboración privada, pois sen ela, salientou, “a implicación que se lle pide á universidade na sociedade non sería posible”.

Son en definitiva unha nova promoción de profesionais formados para dirixir e planificar o turismo ourensán e galego e para “crear historias e vender experiencias”, como salientou Agustín Pérez no seu discurso en representación dos novos posgraduados. E o acto deste venres foi, como apuntou Cristina Rodríguez, tamén portavoz dos alumnos, “un punto e seguido” ante o que só cabe dicir “vémonos na vindeira viaxe”.