DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade da Coruña, con 6 vitorias, encabeza o palmarés, seguido pola Universidade de Vigo

Satisfacción e ilusión no peche do Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos

O sábado o Campus Ourense Rugby xóganse o título de campións da Liga Galega de rugby

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 11/02/2011
Despois de dous días de competición, o Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos rematou este xoves entre a alegría duns pola vitoria e a súa clasificación para os campionatos estatais, a pequena decepción dos que perderon e a satisfacción xeral polo bo xogo realizado e o bo ambiente reinante entre os 300 deportistas congregados en Ourense para esta cita de referencia da comunidade universitaria.

En canto a resultados, a Universidade da Coruña encabeza o palmarés final, pois gañou en 6 categorías deportivas: en voleibol masculino e feminino e en fútbol 11, fútbol 7, rugby 7 e balonmán masculinos. Pola súa banda, a Universidade de Vigo conseguiu a vitoria en fútbol sala e baloncesto masculinos e balonmán feminino. A Universidade de Santiago de Compostela pola súa banda quedou nun terceiro posto xeral ao gañar en fútbol sala e baloncesto femininos. Os equipos gañadores, que recibiron este xoves os seus galardóns, representarán a Galicia nos campionatos españois, motivo de especial ilusión e motivación para os xogadores universitarios.

Rodrigo Pivida, técnico do Servizo de Deportes do campus de Ourense, salienta que o campionato se desenvolveu “nun excelente ambiente de sa competitividade e deportividade, onde destacou o bo xogo dos deportistas”. Ademais do reto organizativo e deportivo que uns encontros deste tipo sempre significan, a celebración deste campionato foi unha ocasión especial para o campus ourensán pois constitúe o inicio da actividade nas súas novas instalacións deportivas exteriores.

A polo título da liga de rugby

O Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos non é a única cita deportiva importante desta semana en Ourense. O Campus Ourense Rugby enfrontase este sábado a Gallaecius ASD nun importante encontro no que os ourensáns, de conseguir a vitoria, poderían proclamarse matematicamente campións da Liga Galega.

Os xogadores veñen de encadear tres vitorias seguidas e chegan a este partido con moitas gañas animados polos bos resultados. De todos os xeitos, os ourensáns agardan un encontro difícil e igualado pois no partido de ida, disputado en Compostela, o Gallaecius ASD impúxose por 24-15 a Campus Ourense Rugby, amosándose superior en moitas facetas do xogo.

O encontro dará comezo ás 16.00 horas no campo ourensán de Monterrei e desde o equipo animan á comunidade universitaria e aos ourensáns en xeral a que se acheguen a compartir con eles o que probablemente sexa un dos partidos máis importantes do que vai de liga.