DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vicerreitor Pedro Membiela destacou o entusiasmo dos egresados no acto de entrega dos diplomas

Satisfacción entre os graduados sénior do campus logo de tres anos de compañeirismo

A madriña desta sexta promoción, a profesora Ángeles Tomé, subliñou a súa perseveranza

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 04/06/2010

Logo de tres anos de aprendizaxe e moito compañeirismo chegou o gran día para os 14 novos graduados da sexta promoción de universitarios sénior do campus de Pontevedra. A encargada de ler o discurso no acto de graduación en nome do alumnado foi María Jesús González, que definiu este camiño como “unha meta á que chegan con máis canas, pero coas mesmas ganas por ter unha vida intelectual activa”. Sinalou que a partir de agora o seu lema é “nunca nos renderemos ante calquera reto por moi grande que sexa” e lembrou os grandes momentos, como a visita a Neira Vilas na súa casa, os intensos debates nas clases de filosofía ou as suores do profesor de informática para facer un blog xuntos.
O acto estivo presidido polo vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, que felicitou aos egresados polo seu esforzo e entusiasmo. “Dá gusto asistir a un acto como este, pois nas graduacións non se adoita falar tan ben dos profesores”, díxolles. Así mesmo, pediulles que seguisen vinculados á Universidade e animounos a realizar os cursos de especialización para maiores.

Idiomas e novas tecnoloxías, principais desafíos

Ángeles Tomé, a profesora de Inglés, a materia máis difícil para a maioría, foi a madriña da promoción. Deulles os seus parabéns polo título e tamén pola cerimonia “espectacular” que organizaron e destacou a “perseveranza” coa que afrontaron as súas clases. “As linguas estranxeiras e as novas tecnoloxías foron os vosos principais desafíos e sorprendéstesnos coa vosa pericia”, afirmou. Así mesmo, salientou as boas relacións entre o grupo, con encontros acotío fóra das aulas, a competitividade pola matrícula de honra e o estímulo que atoparon na música, coa posta en común das letras de cancións que marcaron a súa xeración. A profesora dedicoulle tamén unhas palabras de lembranza a Sebastián Núñez, compañeiro da promoción falecido, “presente na mente e no corazón de todos”.
Interviñeron tamén na entrega de diplomas e na imposición das bandas a concelleira Anxos Riveiro e o director do Programa para Maiores no campus, José Mª Gil Villanueva. Os graduados quixeron agradecer a implicación das profesoras Ángeles Tomé e Susa Herrera, así como da súa compañeira María Jesús González e de Anxos Riveiro, na organización da cerimonia agasallándoas con cadanseu ramo de flores. O acto pechouse coa actuación do coro universitario do campus de Ourense, que rematou o seu repertorio coa interpretación do Gaudeamus Igitur. En agradecemento os egresados entregáronlle ao director do coro unha serigrafía feita por eles mesmos.

Motivacións múltiples entre os protagonistas

Marisol Fernández subliñou que “foi unha experiencia moi positiva”, polo que xa está pensando en facer outras cousas e ve a Uned como unha posibilidade. Mª Dolores Arosa apuntouse alentada por unha amiga. “Á nosa idade é moi importante facer algo para seguir poñendo a cabeza en funcionamento, máis alá de ler algún libro e decidimos facer algo útil co no noso tempo libre”, comenta. No caso de Miguel Santiago, tiña unha espiña cravada por non ter rematado no seu tempo Filosofía e Letras. Considera que a experiencia foi moi boa e sinala como un privilexio ter percorrido tres facultades, a de Ciencias Sociais e da Comunicación, a de Ciencias da Educación e do Deporte e a de Belas Artes, “algo que non pode dicir calquera”. Entre as mellores lembranzas destaca a viaxe a Londres organizada por eles mesmos para practicar inglés, na que confesa que imperou a diversión.
Todos salientan que acadaron un apoio total das súas familias. “A miña filla mesmo me axudou a facer traballos”, asegura Mª Dolores. Coinciden tamén en destacar que o grupo funcionou “como unha piña” e que os profesores amosaron unha grande implicación. Con todo, cren que hai cousas que se poden mellorar. Piden unha xestión máis áxil e a organización de máis actividades fóra das aulas. Así mesmo, reclaman o dereito ao voto nas eleccións universitarias como calquera outro estudante. Demostran así que o espírito crítico que trata de fomentar a Universidade calou neles.