DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Botan a andar as xornadas 'De promesa a realidade. A formación e o deporte made in Galicia’

A saúde postúlase como a principal saída laboral para os futuros profesionais do deporte

Segundo os ex alumnos Borja Ropero e Félix Fernández, que denunciaron o forte intrusismo laboral no

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 09/04/2012

A especialización é unha das claves para atopar traballo nun momento no que a demanda laboral é maior que a oferta e o sector da saúde preséntase para os futuros titulados e tituladas en Ciencias da Actividade Física e do Deporte como “unha alternativa atractiva”. Así o indicaron Borja Ropero e Félix Fernández, primeiros convidados ás xornadas De promesa a realidade. A formación e o deporte made in Galicia, que, como antigos alumnos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, compartiron co estudantado do centro as potencialidades dun campo “que está en continuo crecemento cun maior número de instalacións deportivas, de actividades ofertadas e unha maior preocupación por manter hábitos de vida saudables. Tanto é así que se incrementou a franxa de idade das persoas que practican algún tipo de deporte”, sinalou Borja Ropero.

Se no pasado curso De promesa a realidade reuniu a antigos alumnos e alumnas do eido da comunicación, desta volta a Vicerreitoría do campus decidiu centrar as xornadas no campo da educación e do deporte convidando a titulados e tituladas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para achegar unha reflexión sobre as posibilidades laborais dos estudos que se imparten no centro. Nesta primeira sesión, os convidados Borja Ropero e Félix Fernández, alumnos da segunda e da cuarta promoción respectivamente e que traballan na actualidade no campo da saúde, compartiron cos futuros profesionais as posibilidades laborais dun sector “pouco regularizado” no que non existe un código que estableza e normalice as competencias necesarias para cada posto de traballo. “No eido da saúde hai un forte intrusismo laboral, calquera pódese dedicar a unha actividade para a que non está formado, polo que debería haber unha regulamentación máis estrita que defina o nivel de formación e de responsabilidade na contorna laboral”, reclamaron tanto Ropero como Fernández.

Non rexeitar ningunha oferta

Os dous convidados aconselláronlles aos futuros titulados e tituladas que fosen humildes “e que non rexeiten nada xa que de todas as experiencias laborais sácase algún proveito”, comentou Ropero ao que Rodríguez engadiu a necesidade de ser proactivos, “que ninguén se quede na casa esperando, pois o traballo non te vai vir buscar a casa”. Ademais de non renunciar a ningunha oferta, os dous convidados tamén fixeron fincapé na importancia de continuar a formación tras pasar polas aulas universitarias “pois non debemos esquecer que nestes momentos hai moitos titulados e debemos ofrecer algo máis que nos especialice e nos diferencie dos demais”, concluíu Ropero.

Máis promesas que se fixeron realidade

As xornadas De promesa a realidade. A formación e o deporte made in Galicia prolongaranse durante todo o mes de abril sendo a próxima cita o luns da semana que vén para debater sobre as posibilidades laborais dos Graos de Educación Infantil e Primaria. Este ciclo pecharase o vindeiro 23 de abril coas intervencións de Xavier Pascual, actual adestrador do FC Barcelona de balonmán e de Miguel Martínez, segundo adestrador da selección de fútbol de Angola e ex preparador físico do Celta de Vigo, que debaterán sobre a formación no rendemento deportivo e a procura de traballo no ámbito do deporte de competición.