DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Outorgado pola Escuela de Estudios Cooperativos da Universidade Complutense de Madrid

Saves, o asistente virtual sobre cooperativismo, premio á mellor investigación na área de economía e outras afíns

Centraliza nun espazo web toda a información sobre a situación e evolución deste sector en Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 24/02/2021

O duro traballo comezado polos investigadores de Ecobas María José Cabaleiro Casal e Carlos Iglesias Malvido en 2011 comeza a recibir os primeiros recoñecementos. O seu Sistema Asistente Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social, Saves, acaba de recibir o X Premio á investigación e docencia en materia de organizacións de participación outorgado pola Escuela de Estudios Cooperativos da Universidade Complutense de Madrid na categoría de mellor investigación na área de economía e outras afíns. 

A ferramenta Saves permite acceder á información vía web sobre a situación e evolución recente do cooperativismo en Galicia, así como do perfil económico-financeiro das cooperativas galegas e conta con potencial para estenderse a outras rexións xeográficas no contexto dos observatorios sobre economía social. 

Os premios son concedidos pola Escuela de Estudios Cooperativos, creada en 1971 e con sede na Universidade Complutense de Madrid, e teñen como finalidade recoñecer o labor efectuado por persoas ou institucións a prol do cooperativismo e doutras organizacións de participación. 

Unha merecida recompensa

Para María José Cabaleiro e Carlos Iglesias este galardón é unha “gran satisfacción”, xa que o premio é outorgado por unha institución académica formada por expertos nacionais e internacionais dedicada ao estudo e investigación do cooperativismo e as empresas de participación e, polo tanto, coñecedores das dificultades que implica investigar sobre cooperativas. “Calquera que vexa a páxina web pensará que detrás de Saves só hai un traballo informático, consistente en transformar táboas de datos en gráficos. Non obstante, ese é o aspecto que ten menos valor”, remarcan os investigadores.  O mérito, apuntan, “está no traballo de compilar toda a información, dispersa en fontes moi variadas, procesada con criterios e metodoloxías específicas, distintas ás aplicadas para as empresas convencionais e publicada de forma descontinua no tempo. Os membros da Escola de Estudos Cooperativos son conscientes da ardua tarefa que está permitindo construír Saves”, sinala o investigador Carlos Iglesias.

“O desenvolvemento do proxecto está xerando novas ideas”

Os dous impulsores do proxecto explican que esta iniciativa se viña “madurando dende hai bastantes anos. Estámonos esforzando para que continúe no futuro, pero isto depende tamén doutras institucións”.  Para explicar os avances de Saves, os investigadores acoden a un símil cinematográfico: “por agora só presentamos o tráiler da película, resta por ver a película, é dicir, aínda é cedo para valorar a acollida”. Con todo, en marzo presentarase o segundo informe, que mostrará o verdadeiro potencial deste Sistema Asistente Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social. “O primeiro informe que se publicou en decembro do ano pasado só era un avance. Unha vez que se publique o segundo informe, poderemos comprobar se cubrimos as expectativas creadas en torno a esta ferramenta virtual”, comentan os creadores.

Paralelamente, o desenvolvemento do proxecto está xerando novas ideas e, como avanza a investigadora María José Cabaleiro, “na convocatoria da Rede Eusumo deste ano 2021 imos presentar outra proposta, que vai tamén na liña de favorecer a dixitalización da operativa económica e financeira das sociedades cooperativas”.

Posibilidades de exportar a idea

“Agora estamos centrados en Galicia. Esta é a nosa prioridade, pero podemos avanzar que cando acabe este proxecto, en setembro de 2021, estaremos en condicións de ofrecer o mesmo proxecto a outras comunidades autónomas. En España, as sociedades cooperativas depositan as súas contas en Rexistros autonómicos. Nestes momentos, non hai en ningunha outra comunidade autónoma un proxecto destas características”, explican os investigadores.