DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os Premios á Excelencia Académica distinguen aos 50 mellores alumnos e alumnas de novo ingreso

Savia nova para a excelencia universitaria

O reitor reivindicou valores como o esforzo e o traballo que permiten “tirar muros e fronteiras”

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 14/03/2012

Con toda unha xeración coa vista posta no estranxeiro, as universidades son conscientes da necesitade de captar e reter o talento para poñer freo á fuga de cerebros. Por iso é preciso recoñecer o esforzo e o traballo dos que serán o futuro do país, animándoos a contribuír á excelencia académica. A Universidade de Vigo traballa nesta captación de talento, non só entre os investigadores e docentes, senón tamén entre o estudantado, procurando atraer cara aos seus graos aos mellores estudantes de Bacharelato e dos ciclos formativos superiores. A eles cada ano a institución lles recoñece o traballo ben feito a través dos Premios á Excelencia Académica, que este mércores entregou o reitor, Salustiano Mato e o vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia.

Os galardóns, en forma IPAD 2 serigrafiado coa imaxe da Universidade de Vigo, foron parar ás mans dos 50 mellores alumnos e alumnas de novo ingreso, os que tiveron os mellores expedientes no curso previo á educación superior. 26 mozos e 24 mozas aos que os representantes da Universidade convidaron a seguir sendo os mellores, a traballar pola excelencia docente e investigadora. Neste sentido expresouse o reitor, que os felicitou polos resultados na etapa anterior animándoos a que “este recoñecemento vos sirva para mellorar, se cabe, como estudantes universitarios”. Mato agradeceulles ter escollido a de Vigo como a súa universidade e amosou o seu orgullo por esta escolla porque “queremos atraer e rodearnos dos mellores e agardo que nos volvamos ver na entrega dos Premios Extraordinarios de Grao”. Neste sentido demandou a recuperación de valores como o esforzo, o traballo e a dedicación, “que foi o que vos trouxo ata aquí a vós pero que semella que se están perdendo” a pesar de que permiten “tirar muros e fronteiras”.

A excelencia en datos

Estes Premios á Excelencia Académica concédense as alumnos e alumnas de novo ingreso, que cursen na actualidade 1º en algún grao e que sexan, ou ben gañadores das Olimpíadas Científicas, ou ben teñan unha media igual ou superior a 8.5 no Bacharelato ou superior a 9 no ciclo formativo de grao superior no curo 2010/2011.

Boa parte dos estudantes distinguidos sono polas súas cualificacións no Bacharelato, 44 do total, mentres que dous gañaron as Olimpíadas Científicas, neste caso Xeoloxía e Matemáticas, e catro proceden de ciclos formativos superiores.A finalidade é recoñecer e distinguir aos mellores expedientes que elixen a Universidade de Vigo para formarse. Trátase de premialos ao fin dunha etapa para animalos a seguir sendo excelentes nesta nova que comeza, a da Universidade. Dos 50 estudantes distinguidos, dez deles elixiron un dos novos graos que oferta a Universidade tras o proceso de adaptación ao EEES, Enxeñaría da Enerxía. Outros sete cursan o grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, seis Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e cinco Tradución e Interpretación na rama Español-Inglés. Os demais repártense entre outras 15 titulacións da Universidade.

Precisamente Enxeñaría da Enerxía estuda Sonia Fariña, que se amosa satisfeita pola elección de titulación e de universidade e afirma que o cambio con respecto ao Bacharelato non foi nada brusco, “case non se nota, a verdade é que está moi ben adaptada a transición”. A súa elección é unha aposta nova da Universidade que botou a andar o pasado curso, pero Sonia contempla o futuro con optimismo, “isto é o que me gusta e as enerxías renovables son un campo laboral con moito futuro”.
O contrapunto ao eido tecnolóxico é o grao de Linguas Estranxeiras que cursa Elena Vilarín. A elección supuxo para ela abandonar a casa dos seus pais nas Pontes e trasladarse a Vigo para estudar, pero o proceso “está sendo moi positivo, estou moi contenta, tanto coa emancipación como coa carreira, porque xa estaba acostumada a traballar e estudar moito, cunha boa base o camiño é máis sinxelo”. A súa compañeira de piso, Rosalía Alvarellos deixou A Coruña para matricularse tamén en Enxeñaría da Enerxía, igual que Adrián Devesa, de Camariñas. Para eles tampouco está sendo dura a adaptación, “isto era o que nos gustaba, o queríamos facer e, de momento, estanos gustando, aínda que neste primeiro curso as materias son moi xenéricas”.
Os catro son unha mostra da nova xeración que se está formando na Universidade e que se converterán, “con esforzo e traballo”, como indicaba o reitor, nos profesionais do futuro.