DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Scul Party 09 abre as súas portas con 128 participantes

Nesta novena edición haberá xogos, concursos e moitos premios

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Noelia V. Vilanova DUVI 24/04/2009
A festa da informática deu comezo este venres cando a Scul Party 09. Crisis edition, organizada pola delegación de alumnos da Escola Superior de Enxeñaría Informática, abriu as súas portas cun total de 128 inscritos que durante tres días enteiros poderán compartir xogos, participar en concursos, intercambiar información e divertirse.
As primeiras horas da party transcorreron coa chegada dos participantes, a súa acreditación e a montaxe dos equipos. Pouco a pouco os que aínda non se coñecían comezaron a trabar amizade, a compartir xogos e a inscribirse nos diferentes concursos.
“A festa está tendo o éxito esperado e aínda agardamos máis participantes pola tarde, xa que agora hai moita xente traballando ou estudando”, comentou Silvia Rivas, membro da delegación de alumnos.
Á inauguración da party acudiu Enrique Barreiro, director da ESEI, quen destacou que “esta é unha iniciativa de longo percorrido que ten moito éxito en todas as edicións”. Dende o punto de vista da escola, “a festa resulta moi interesante e apoiámola plenamente, sobre todo nestes momentos”, xa que despois dun ano cheo de incerteza e falsos rumores sobre a desaparición da informática como titulación e no que os estudantes o pasaron mal, “vese que os informáticos seguen aquí e máis nos vale que o fagan se queremos que se manteña a vida como a entendemos ata agora”. En opinión de Barreiro, “eventos coma este fan que mellore a cohesión entre os alumnos e que se cree sentimento de escola”. Acompañando ao director da ESEI estiveron Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus e José Ángel Vázquez, director xeral de Promoción Económica do Concello de Ourense, os cales pasaron uns momentos cos participantes e coñecendo a actividade.
Xa pola tarde, cando todos estean acomodados, comezará a actividade. Para este venres están previstos os tres primeiros concursos, “o friki test, o Age of Empires e o Mario Kart que se estreará de madrugada”, explicou Rivas. En paralelo a esta última actividade tamén está previsto un torneo de póker organizado pola Comisión de Actividades Culturais da ESEI.

A opinión dos participantes

Concentrados nos seus ordenadores ou coñecendo xente os participantes da party pasaron as primeiras horas. Algúns como Francisco Javier Rodríguez Martínez, director da Oficina de Software Libre da Universidade de Vigo, achegáronse a comprobar o ambiente e a recoller a súa inscrición para incorporarse pola tarde. “Neste tipo de actividades sempre se poden aprender moitas cousas ademais de divertirse”, comentou.
A organización tamén recibiu as felicitacións dos participantes, “está todo moi ben montado”, dixo Miriam Álvarez, estudante do último curso de Enxeñería Superior en Informática, quen “quería gozar desta experiencia antes de deixar a facultade para ter un recordo máis”. Pola súa banda, Andreia Rodríguez, participante e membro da organización afirmou que o estaba a pasar moi ben “aínda que falta moita xente por vir, o verdadeiramente interesante comeza a partir das catro da tarde”.