DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio

O secretario de Estado de Defensa, Constantino Méndez, aposta por unha redefinición do papel das Forzas Armadas

Ofreceu un relatorio co título baixo o título “La defensa nacional ante los nuevos escenarios”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 28/10/2008

Unha redefinición do papel das Forzas Armadas ante o novo contexto internacional. Esa foi a idea central do relatorio que este luns ofreceu o secretario de Estado de Defensa, Constantino Méndez, ao abeiro da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, impulsada pola Escola Naval Militar de Marín no seo da Universidade de Vigo. No seu discurso, Méndez sinalou que os fenómenos “de globalización e mundialización modificaron o marco estratéxico desde a Segunda Guerra Mundial convertendo o mundo nun lugar máis inestable e polo tanto, menos predicible”. Neste escenario, as ameazas “xa non están na orde nacional senón que son globais e ante elas as vellas ferramentas xa non serven”.
Deste idea parte a proposta do secretario de Estado para a Defensa que o leva a concluír que “a defensa foise modificando e subsumindo no concepto máis amplo de seguridade”. Neste novo contexto as accións son multinacionais e esixen das Forzas Aramadas novos requirimentos.
Terrorismo, estados fallidos, ameazas bacteriolóxicas, pandemias, catástrofes provocadas polo cambio climático, conflitos provocados polo uso de recursos naturais ou o ciberespacio usado con fins delictivos... No seu relatorio, o “número dous” de Carme Chacón ofreceu unha enumeración das novas ameazas que obrigaron á adopción de cambios nas Forzas, “con dificultades pero con evidente éxito”, apuntou.

Catro piares da nova estratexia

Méndez sinalou os catro puntos cardinais da nova articulación da estratexia de defensa e seguridade como son “a profesionalización, transformación das forzas armadas, modernización dos seus recursos materiais e adaptación ás novas misións”. O secretario de Estado de Defensa deu algúns exemplos destas novas tarefas e sinalou no caso de Galicia“o labor na protección de incendios”. Unha vez explicada a natureza do cambio na concepción do exército, Méndez aproveitou a ocasión para sinalar que o “esforzo (de adaptación) non concluirá nunca segundo os retos que se vaian prantexando” e recordou que “xestionar ese esforzo presenta oportunidades e riscos ao tempo que atopamos novos camiños”.

Universidade, exército e Caixanova

Constantino Méndez realizou esta defensa de modernización do rol do exército español no relatorio que abría este curso as actividades da Cátedra Alvarez- Ossorio e no que estiveron presentes, entre outras autoridades, o delegado do Goberno, Manuel Ameijeiras; o almirante xeneral Manuel Rebollo, Xefe do Estado Maior da Armada; o almirante José Palomino, Xefe de Personal da Armada; o contralmirante Francisco Cortés, director de Ensinanza Naval; Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo e Antonio Gómez, subdirector xeral e director de Relacións Institucionais de Caixanova en Pontevedra.