DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A comisión permanente da Rede OTRI reuniuse con Màrius Rubiralta en Madrid

O secretario de Estado de Universidades transmítelle a directora da OTRI as políticas que se están a levar a cabo en transferencia

As axudas irán destinadas á posta en valor das investigacións realizadas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 07/10/2008

A comisión permanente da Rede OTRI, á que pertence a directora de I+D da Universidade Ángeles López, reuniuse en Madrid co secretario de Estado de Universidades, Màrius Rubiralta, para coñecer as principias políticas que se están a levar a cabo en materia de transferencia de resultados da investigación.
Un dos aspectos que desde a Secretaría de Estado de Universidades se quere potenciar é a posta en valor das investigacións realizadas, financiando a creación de modelos de utilidade e prototipos. Segundo se desprendeu da reunión, o principal interese do secretario é que os resultados da investigación non queden simplemente nas diferentes memorias anuais de I+D, senón que se revaloricen. Cada universidade debe coller os proxectos de investigación que considere que teñen maiores posibilidades de promoción e viabilidade e darlle valor. “Que non queden en proxectos de investigación bonitos, senón que se leven aos mercados e se apliquen”, tal e como explicou Ángeles López ao seu regreso a Vigo.
As axudas serán non as OTRIs directamente, senón precisamente á valorización dos resultados da investigación, o paso necesario para conseguir que as mellores ideas cheguen aos mercados. Para isto é necesario, segundo lles expuxo Rubiralta, facer prototipos, plantas piloto, estudos de mercado, plans de comercialización... e será cara a este tipo de actividades ás que se dirixan as axudas de transferencia.
Ademais das dificultades de conseguir financiamento público, Rubiralta sinalou a importancia de motivar ao capital privado a participar neste tipo de accións e impulsar estes proxectos, “xa que son precisamente as empresas as que van explotar estes resultados.

A rede OTRI colaborará na posta ao día da actual Lei da Ciencia

Outro dos temas claves da reunión foron os traballos que se están levando a cabo para a renovación da actual Lei da Ciencia que data de 1986. “Hai unha comisión de expertos que está traballando nun borrador de proposta e a nós facilitáronsenos todos os documentos e invitáronnos a facer as nosas propias achegas como expertos neste terreo”, explica Ángeles López.
Ademais, outro dos compromisos fai referencia á LOU de 2007, onde quedou pendente todo o desenvolvemento normativo polo que se regule as spin-off universitarias, dende a propia definición desta figura ata posibles incompatibilidades do profesorado que participe, etc. “O noso compromiso foi facerlle chegar as necesidades que debe cumprir o Real Decreto que regule esta figura antes de que remate o ano”, explicou López.