DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pierre-Yves Monette pechou o Ciclo Universium

O secretario xeral da Auga europeo critica no campus a política de rego española

Foi presentado polo director xeral de Aqualia Galicia, José Luis García

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 06/11/2008

A política de rego española é, segundo o secretario xeral da Auga europeo, Pierre-Yves Monette, un “auténtico escándalo medioambiental”, xa que no noso país a inmensa parte da auga vai destinada a usos agrícolas, unha situación moi difícil de cambiar xa que o lobby dos agricultores é un dos máis importantes de Europa debido ao seu alto poder de coacción, “é curioso pero unha tractorada en Bruxelas ponlle os pelos de punta aos nosos eurodeputados”, comentaba ante os numerosos asistentes ao ciclo Universium.
Monette, que foi presentado polo director xeral de Aqualia Galicia, José Luis García, puxo o broche europeo a un ciclo que nesta ocasión estivo destinado a dimensión social da política da auga en España. Na súa intervención introduciu aos asistentes no difícil labirinto da lexislación europea, un tema que, ao tratarse da auga, cobra especial importancia, xa que o 80% das leis que a regulan veñen de Bruxelas, é dicir, non son nin rexionais nin nacionais.
O dirixente europeo explicou en detalle como é a cúpula europea dos operadores da auga, a denominada EUREAU, fundada en 1975 e na que se unifican empresas privadas e públicas, “algo difícil de conseguir”, subliñou. Con un membro por cada país distribúen auga e saneamento a máis de 400 millóns de persoas. “Temos persoas en Bruxelas pero tamén técnicos en cada país que coñecen en detalle as problemáticas de cada unha das rexións”, explicou aos asistentes.

A Directiva Marco da Auga forzará o cambio de mentalidade

Entre os principais asuntos que a día de hoxe centran as tarefas da Unión Europea no que a auga se refire Monette sinalou a posta en marcha da Directiva Marco da Auga, unha nova lexislación que forzará aos agricultores a cambiar a súa maneira de empregar a auga e os funxicidas, “este directiva é a ferramenta xurídica para forzar o cambio, no futuro veremos se o logramos ou non”.
Esta directiva é o gran paraugas no que se acollen todos os traballos que están a levar a cabo, pero non é a única, Monette destacou tamén a importancia da directiva sobre o uso de pesticidas, da que regula o tratamento dos lodos residuais ou da que relaciona auga e cambio climático, “dúas realidades dificilmente separables”.
Outros dos puntos que quixo deixar claro foi a necesidade de buscar novas formas de reutilización da auga. Recalcou como é “absolutamente necesario encontrar augas novas”.