DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xesús Seixo Fernández participou no I Foro Galego de Economía e Empresa

O secretario xeral da CIG cre necesario potenciar o tecido produtivo para saír da crise

O sindicalista aposta tamén pola creación dunha banca pública e por fomentar o I+D+i

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 07/05/2010

Xesús Seixo Fernández, secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG) cualifica a situación actual da economía de “moi delicada”. Asegura tamén o sindicalista que, nesta contorna, as medidas que está a levar adiante o goberno para combater a crise “son equivocadas” e considera fundamental “pór en marcha iniciativas que potencien o tecido produtivo e que controlen os movementos especulativos do capital”. Estas liñas mestras guiaron o relatorio que o sindicalista ofreceu este venres no campus ao abeiro do I Foro Galego de Economía e Empresa, unha iniciativa coordinada polo profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Santiago Lago, co obxectivo de reunir nun espazo académico a profesionais da política, do sindicalismo, da universidade e do mundo de empresa para tentar achegar posicións e solucións á difícil situación económica que estamos a vivir. No acto participou tamén Ana Gueimonde, vicedecana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.
Explicou Xesús Seixo na súa intervención que as previsións máis optimistas falan de crecementos económicos en torno ao 1% para o ano 2012 “cando para que se cree emprego neto a nosa economía ten que ter un crecemento de preto do 3%”. Con estes datos o sindicalista cre que nos próximos anos non só non vai haber creación de emprego, “senón que se vai a seguir destruíndo emprego”.

O fomento dunha economía especulativa

Xesús Seixo sitúa a orixe da crise “no fomento dunha economía especulativa que funciona á marxe da economía real” e asegura que dende o goberno non se están a adoptar as medidas adecuadas para saír desta situación. Nas súas palabras, “seguen actuando igual que antes da crise e todo se centra en intentar transmitir á opinión pública que aquí o problema está centrado nos altos salarios e en facilitar o despido”. Dende o sindicato ao que representa propoñen “medidas inmediatas para rematar con esta economía especulativa que xera lucro para os que teñen a posibilidade de especular nos mercados financeiros cos recursos moitas veces de todos nos”.
O sindicalista asegurou que a situación de Galicia non é distinta á do resto de España “porque aquí pode chegar a crise máis tarde pero tamén a recuperación vai ser moito máis lenta”. A falta de competencias do goberno galego en materia fiscal, financeira, enerxética ou laboral é tamén un atranco, en opinión de Seixo Fernández, para poder ofrecer alternativas reais que axuden a paliar esta situación.

Controlar os movementos especulativos do capital

Xesús Seixo asegura que o que crea riqueza e postos de traballo é o tecido produtivo, a man de obra, de aí que as medidas propostas dende a CIG vaian encamiñadas nesta dirección. “Entendemos que as políticas teñen que ir orientadas a potenciar o tecido produtivo e controlar os movementos especulativos do capital”, asegura. A creación dunha banca pública “para canalizar os recursos ao tecido produtivo e ás familias”, unha reforma fiscal “incrementando os tipos impositivos para as rendas máis altas, por exemplo”, o investimento en I+D+i e medidas de apoio á formación profesional son outras alternativas propostas polo sindicato para saír a crise.