DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Antonio Gómez participou no I Foro Galego de Economía e Empresa

O secretario xeral de UXT defende un cambio de modelo produtivo para saír da crise

Cualifica de “fundamental” o papel da universidade para a consecución deste obxectivo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 30/04/2010

José Antonio Gómez, secretario xeral do sindicato Unión Xeral de Traballadores –UXT Galicia- sitúa as orixes da crise financeira internacional que estamos a padecer “nunha falta de control dos mercados financeiros que se trasladou rapidamente á economía produtiva e ao mercado laboral”. Esta situación de crise agrávase en España e tamén en Galicia por un modelo produtivo baseado nos servizos de baixo valor engadido e na construción, unha realidade que motiva a defensa, dende UXT, “dun cambio de modelo produtivo”, un obxectivo no que a universidade debe desempeñar un papel fundamental e que se debe procurar tamén sen esquecer a defensa dos valores de xustiza social. Así o asegurou o sindicalista este venres durante a súa participación no I Foro Galego de Economía e Empresa, unha iniciativa organizada pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo co obxectivo de reflexionar con académicos, axentes socioeconómicos, empresarios, goberno e partidos políticos sobre os desafíos a ter en conta para sentar as bases dun novo ciclo de desenvolvemento socioeconómico para Galicia. O poñente foi presentado por María Elisa Alén, decana do centro e por Santiago Lago, coordinador do ciclo de conferencias.

Non ao recorte dos dereitos dos traballadores

O secretario xeral de UXT Galicia afirmou que os que estamos pagando as consecuencias da crise somos os traballadores, "o que se reflexa en termos de destrución do emprego cunhas cifras de paro que se seguen a incrementar constantemente” e asegurou tamén que os sindicatos están loitar “para que os traballadores non saian desta crise aínda con maiores desigualdades das que estamos a padecer e, por suposto, para que se manteña a protección social dos desempregados”. Nesta liña de argumentación José Antonio Gómez falou da tan reclamada reforma laboral subliñando que os sindicalistas de UXT “non estamos de acordo cunha reforma laboral que recorte dereitos porque cremos que o problema do noso mercado de traballo non son as leis laborais. No noso país levamos ao redor de 50 reformas laborais polo que teriamos que ser xa líderes na creación de emprego e non o somos”, afirmou. España é un país no que se crea moito emprego en período de crecemento pero no que tamén se destrúe en etapa de crise e que ten ademais un problema engadido como é a precariedade laboral. Con todos estes datos o poñente cre necesaria “unha reforma do sistema financeiro que continúa sendo opaco, sen ética de ningún tipo e moi antisocial”. Controlar “dunha vez por todas” aos mercados financeiros e seguir mantendo os estímulos públicos son algúns dos ingredientes propostos polo relator nesta loita contra a crise e co cambio do noso tecido produtivo como tear de fondo. O poñente cre necesario seguir contando coa construción, “pero cunha construción moito máis sostible vinculada á vivenda en aluguer e á rehabilitación de vivenda que tamén crea postos de traballo”. Aproveitar e potenciar o sector turístico como unha da principais potencialidades que ten España e apoiar, no caso de Galicia, aos nosos sectores produtivos básicos como son a automoción, o naval, o téxtil e a industria alimentaria “vinculándoos dunha maneira decidida cara a exportación” son algunhas das receitas propostas polo sindicalista para saír da crise.

O papel da universidade

Con todo José Antonio Gómez cre que ese cambio de modelo produtivo que reclaman dende UXT “non se pode producir sen a activa participación e implicación da universidade que desenvolve un papel fundamental na formación de capital humano cualificado e no seu traspaso á empresa”, afirmou. O sindicalista valorou tamén moi positivamente a posta en marcha de iniciativas como este I Foro Galego de Economía e Empresa, que coordina o profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Santiago Lago, pola súa capacidade de reunir nun espazo académico a especialistas e profesionais de diferentes sectores da sociedade para debater sobre temáticas de máxima actualidade.