DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abertos a toda a comunidade investigadora, prolongaranse ao longo de todo 2019

O sector da alimentación estreará en marzo unha serie de Encontros Universidade-Empresa

As persoas interesadas en participar teñen de prazo para anotarse ata o venres 22 de febreiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 14/02/2019

Promover un primeiro contacto entre investigadores/as e empresas, ter a oportunidade de dar a coñecer ás empresas o potencial da comunidade investigadora da Universidade de Vigo, achegarse de primeira man as necesidades de innovación da contorna produtiva e planear xuntos posibles vías de colaboración. Estes son os catro grandes obxectivos cos que a Vicerreitoría de Transferencia pon en marcha os primeiros Encontros Universidade-Empresa, unha iniciativa que arrancará o vindeiro mes de marzo co sector da alimentación e que se prolongará ao longo de todo o ano 2019 coa participación dos diferentes sectores empresariais: automoción, madeira, audiovisual, naval, granito, biotecnoloxía, saúde, turismo...

“A idea é dar a coñecer a Universidade aos empresarios e penso que o mellor xeito é que estes encontros se celebren aquí no campus, pois notamos que, aínda que pareza estraño, hai moita xente que apenas coñece a Universidade”, explica a vicerreitora de Transferencia Mª Consuelo Pérez Vázquez, quen adianta que  o primeiro destes encontros celebrarase na segunda quincena de marzo no edificio Miralles e nel está previsto que participen empresas dos clústeres de alimentación, produtos do mar e acuicultura.

Encontros transversais abertos a toda a comunidade investigadora

Esta iniciativa xurde en resposta á propia demanda formulada desde o sector empresarial. “Desde que tomamos posesión estamos a reunirnos cos diferentes clústeres e asociacións empresarias e en todos eles a principal petición era sempre a mesma: coñecer as capacidades que teñen os investigadores da UVigo e establecer uns encontros para poder traballar todos xuntos”, salienta Pérez Vázquez, que fai fincapé na idea de que se trata de encontros abertos a toda a comunidade investigadora da UVigo, non só aos investigadores principais dos grupos. “Queremos que se animen a participar todos e todas aquelas que teñan ganas de comezar a traballar coas empresas a través de pequenos contratos de I+D+i”, recalca a vicerreitora, que lembra tamén que este último aspecto é un dos méritos que se ten en conta para solicitar os sexenios de transferencia dos que xa se abriu unha nova convocatoria.

Esta participación transversal esténdese tamén ás temáticas de traballo dos diferentes grupos, no sentido de que se ben os encontros se organizarán por ámbitos sectoriais están abertos á participación de todo tipo de grupos. No caso da primeira xuntanza, centrada no mundo da alimentación, por citar un primeiro exemplo, non se dirixe en exclusiva a aqueles equipos que traballan en tecnoloxía dos alimentos, xa que as empresas demandan tamén profesionais de todos os ámbitos, non só especialistas en alimentos, senón tamén en economía, enxeñaría, comunicación...

Un día de duración e varios formatos de presentación

A previsión é que estes encontros sexan xornadas dun día de duración e o formato dependerá do número de investigadores e investigadoras que se decidan a participar e da cantidade de empresas que se inscriban. Nesta liña desde a vicerreitoría salientan que os investigadores/as poderán participar nos encontros de dous xeitos distintos: simplemente como asistentes ou ben como relatores que terán a posibilidade de expor as súas capacidades de investigación ao mundo da empresa. “Para aqueles que queiran expor a súa liña de investigación estamos barallando a posibilidade de que fagan pequenos pósteres nos que a través dunha simple ollada o empresario poida facerse unha composición de que é o que ese investigador lle está a ofrecer ou, no caso de que a presentación corra a cargo de grupos, queremos darlles a posibilidade de que fagan unha presentación na que expliquen cales son as principais liñas nas que traballan”, recalca a vicerreitora.

Como para poder planificar estas reunións é necesario identificar ás persoas interesadas en participar nesta iniciativa. Desde a Vicerreitoría de Transferencia deron de prazo para inscribirse ata o vindeiro venres 22 de febreiro.  Lanzaron a convocatoria hai apenas uns días e as primeiras horas despois de enviar a información “recibimos xa máis dunha ducia de solicitudes de participación, polo que eu espero que se manteña esta tendencia”, recalcou a vicerreitora quen tamén salientou que en vindeiras edicións se estudará a posibilidade de celebrar estes encontros tamén nos campus de Ourense e Pontevedra.