DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Chelo Loureiro, de Abano Producións, destacou o crecemento exponencial da animación en España

O sector audiovisual non ten quen o 'anime'

Falta persoal formado especificamente na producción deste ámbito

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 02/11/2011

Adóitase pensar que o mundo da animación audiovisual queda reducido á produción dos debuxos animados, pero como aclarou a produtora Chelo Loureiro “o seu alcance e volume de traballo vai máis aló”. Convidada polo Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Vigo, a fundadora da produtora Abano Producións destacou que o sector da animación presenta oportunidades laborais para os futuros titulados e tituladas a pesar da crise económica actual, “pois nestes momentos non existen profesionais especializados e preparados para asumir a rodaxe dunha peza de animación”.

Segundo Loureiro o panorama nacional da animación española atópase nun momento de crecemento exponencial, en parte debido, a que ademais da produción de pezas totalmente animadas, o cine de imaxe real bota man cada vez máis de recursos animados. “A posprodución de calquera película ten cada vez máis efectos especiais feitos por ordenador, o que permite aforrar moitos cartos en desprazamentos, figuracións, localizacións...”, explicou a produtora. Engadiu ademais que a produción dunha peza de animación dista moito da deseñada para unha longametraxe convencional, “motivo polo que moitas produtoras non se atreven a entrar en este negocio”: mentres que nunha produción ordinaria xa se conta con actores físicos cunha forma de comportarse específica, “en animación pártese de cero, pois hai que deseñar graficamente eses personaxes para que despois un animador virtual lle dea vida e o dote de personalidade”.

Un sector estratéxico en Galicia

No sector da animación española, Galicia foi pioneira na produción cinematográfica, “facéndose con case todos os premios Goyas desta categoría”, sinalou Loureiro. Isto foi debido, comentou a profesional, polo apoio do goberno autonómico ao mercado da animación, “pois considerouno un sector estratéxico que supuña moita man de obra e moitos postos de traballo”. Engadiu que na actualidade a administración abandonou este cometido “polo que moitas produtoras pequenas estanse resentindo e están pechando”, concluíu.