DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dende a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes

Segue aberto o prazo para a presentación de solicitudes aos premios á excelencia académica

Entre o 13 de outubro e o 28 de novembro, nos rexistros dos tres campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Lucía Costas DUVI 30/10/2008
En recompensa a unha traxectoria curricular de excelencia no bacharelato a Universidade agasallará a un máximo de 50 estudantes cun ordenador portátil. Esta iniciativa que se presenta como un aliciente para que os alumnos máis sobresaíntes entren nesta Universidade está dirixida a todos aqueles estudantes que obtiveran o premio de excelencia académica da Xunta de Galicia no 2008; aos que se clasificasen no 1º, 2º ou 3º posto de calquera das fases autonómica, nacional ou internacional dalgunha das Olimpíadas Científicas celebradas ó longo do curso 2007/08; e tamén aos que acrediten unha puntuación igual ou superior a 8,5 puntos na valoración do expediente académico no bacharelato na convocatoria de xuño do pasado curso. Para o primeiro dos grupos estarán reservados un máximo de 30 ordenadores portátiles e 10 para cada un dos outros dous.

Requisitos, forma e prazo para a presentación de solicitudes

Ter rematado os estudos de bacharelato no curso 2007/2008 e matricularse por primeira vez este ano en calquera das titulacións oficiais impartidas nos centros propios da Universidade son os únicos requisitos que deben cumprir os solicitantes. Estes deberán presentar o impreso normalizado de solicitude debidamente cuberto, xunto cunha fotocopia do D.N.I. e o certificado que acredite calquera das tres condicións esixidas no rexistro xeral da Universidade ou nos rexistro auxiliares dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o vindeiro 28 de novembro.

Procedemento de concesión dos premios e resolución da convocatoria

A análise das solicitudes presentadas e a selección dos adxudicatarios dos premios será efectuada pola comisión de Extensión Universitaria e Estudantes delegada do Consello de Goberno. Os premios concederanse mediante resolución da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, que se fará pública na páxina web de dita Vicerreitoría, nos taboleiros de anuncios de Información e no Rexistro xeral e auxiliares da Universidade.
Consulta da convocatoria