DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segue a mala racha para o rugby universitario vigués

Tanto o Ednon Universidade como o equipo B caeron ante os seus rivais

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
S. Alcázar DUVI 23/11/2009

A mala sorte cebouse co Ednon Universidade, que xa acumula tres derrotas consecutivas ao ser superado polo Getxo Artea R.T. nun encontro moi disputado que tivo lugar no campus Lagoas Marcosende. O desenvolvemento do partido non foi moi favorable ao equipo vigués, posto que nada máis comezar o Getxo adiantouse no marcador grazas a unha serie de golpes de castigo ao seu favor. Minutos despois, o Ednon logrou unha remontada cun avance rápido no sector esquerdo do campo cun kick corto por parte de Joaquín Maguna e a pelexa polo balón de Cristián Anido. Pola súa banda, Carlos de Cabo aproveitou un despiste da defensa visitante para conseguir un ensaio convertido por Mauro Álvarez que puxo en cabeza aos vigueses con 10 puntos fronte a 6, aínda que non por moito tempo, posto que no complemento o equipo vasco fíxose co dominio da pelota e endureceu a súa defensa logrando varias transformacións que o puxeron ao fronte do marcador, mentres que o Ednon quedou minguado polos cartóns amarelos amosados aos xogadores Carlos de Cabo e Vicente Prieto, que finalmente foi expulsado ao acumular dúas sancións. A pesares da desvantaxe, os vigueses non deixaron de loitar. A pelexa da defensa e as placaxes por parte dos dianteiros acurralaron ao Getxo contra a súa liña de ensaio e Joaquín Maguna venceu á defensa do rival facendo posible un ensaio que recortaba en sete puntos a distancia no marcador, cun resultado final de 17 fronte a 24. Con esta derrota, o Ednon Universidade de Vigo non puido optar ao sexto posto na clasificación, quedando por detrás do Getxo que conseguiu remontar no seu lugar. O vindeiro 29 de novembro os vigueses terán unha nova oportunidade de escalar posicións na táboa no encontro fronte ao Barcelona Universitari Club na sétima xornada da Liga.

Axustada derrota do equipo B

O conxunto da primeira territorial galega tamén caeu esta fin de semana ante o Muralla na sexta xornada do Torneo Rexional. O partido caracterizouse por un xogo moi axustado durante o transcurso do encontro, no que o conxunto local non desperdiciou as súas oportunidades. Na primeira etapa, o Muralla púxose en cabeza grazas á xogada de Jesús Parga, pero ao final do primeiro tempo o xogador vigués Ignacio Franco conseguiu igualar o marcador. No complemento, o Universidade Vigo B logrou adiantarse con dúas transformacións por golpe de castigo, pero non foi quen de manter o resultado posto que Jesús Parga deu a volta ao marcador con dous tantos cos que acadou a vitoria final con 15 puntos fronte a 11 dos vigueses, asegurándose a segunda posición da táboa, mentres que o equipo B ocupa o sexto lugar. No vindeiro encontro o Universidade Vigo B medirase ante o CRAT Universidade da Coruña que vén de vencer ao Maseda por 19-7.

Triunfo do equipo xuvenil

Non todo foron malas novas posto que o conxunto xuvenil de rugby acadou a súa primeira vitoria no torneo Galego ante o Zalaeta, pechacancelas da clasificación, cun resultado final de 29 puntos fronte a 8. O Universidade de Vigo RC impúxose ante os seus rivais con impecables xogadas e anotacións consecutivas. O primeiro ensaio foi obra de Carlos López e tres minutos máis tarde, Diego Alonso acadou un ensaio transformado por Anxo Fernández. Pola súa banda, o Zalaeta logrou un tanto cun golpe de castigo transformado, pero de seguido o xogador vigués Nicolás Gómez, xunto coa asistencia de Daniel Rodríguez conseguiron sumar 17 puntos no marcador cun novo ensaio. Con dous tantos máis, o resultado final foi moi favorable para o equipo vigués, colocándose na segunda posición da táboa con sete puntos.