DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xornada ‘Avances en Inmunoterapia’, organizada por CINBIO ao abeiro da Rede Immunonet

O seguimento dos pacientes, clave para o avance das terapias biolóxicas

O encontro dará a coñecer pros e contras de novos procedementos para os que se precisa establecer un

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 02/09/2011

A evolución do paciente é o indicador máis claro que teñen os profesionais sanitarios para ver se se está a seguir o camiño correcto, algo ao que non escapa a inmunoterapia, un conxunto de estratexias de tratamento para estimular ou repoñer o sistema inmune fronte a infeccións e a determinadas enfermidades e para rebaixar os efectos secundarios dos procedementos máis agresivos. Por iso, o enfermo será un dos protagonistas da xornada Avances en Inmunoterapia, que se celebrará o vindeiro 28 de setembro no Hospital Xeral de Vigo e no que se terá moi presente que “o seguimento dos pacientes non só axuda a explicar as recaídas nunha enfermidade, senón tamén a identificar os novos procedementos para intervencións terapéuticas”. A necesidade da protocolización, control e regulación destas terapias será un dos eixos principais deste encontro que reunirá a profesionais sanitarios de diversos ámbitos.

Organizada polo Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo coa colaboración da Fundación Biomédica do Chuvi e ao abeiro da Rede Immunonet, nesta xornada preténdese dar a coñecer ao ámbito hospitalario os avances nas terapias biolóxicas e todas as vantaxes e desvantaxes que soportan. Ademais de presentar a evolución histórica deste campo, un grupo de expertos explicará os resultados de ensaios clínicos en diversas patoloxías, como hematolóxicas ou reumatolóxicas; os novos métodos que se están a empregar; os marcadores de control da enfermidade e os protocolos de utilización. Por iso, o encontro estará dirixido especialmente a estudantes ou profesionais da Medicina, Bioloxía, Química, Farmacia e Enfermaría, así como a Técnicos de Laboratorio.

Inscrición gratuíta

Xunto con África González, directora de CINBIO, outros catro poñentes serán os encargados de dar unha visión actual sobre a inmunoterapia aos asistentes: serán Dora Pascual, do Hospital Universitario de la Paz; Guadalupe Piñeiro, do Complexo Hospitalario de Pontevedra; e Carmen Loureiro e José María Pego, do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Os interesados en participar poderán inscribirse de xeito gratuíto enviando por correo electrónico o formulario preciso ata o vindeiro 16 de setembro. Ademais, a organización ten solicitada á Xunta de Galicia a acreditación do curso como actividade presencial de formación continuada para especialistas de Medicina e Farmacia e para facultativos de Química ou Bioloxía das especialidades de Microbioloxía, Inmunoloxía, Análises clínicos e Bioquímica Clínica.

25 grupos de investigación

A Rede de inmunoterapia Immunonet é un proxecto coordinado pola Universidade de Vigo e financiado polo programa SUDOE que aglutina a científicos de renome internacional e puxo en marcha un equipo estable de investigación punteira en inmunoterapia no sudoeste de Europa. Posta en marcha en 2009 con 9 grupos beneficiarios e catro asociados, na actualidade duplicou o seu número de participantes, contando xa con 25 grupos de investigación de España, Francia e Portugal.

O proxecto está estruturado dentro dun centro virtual de apoio onde os distintos equipos investigadores especialistas en case todas as áreas da inmunoterapia comparten recursos e intercambian información con universidades, administracións públicas e iniciativas privadas. Coa formación dos novos científicos como unha prioridade, o obxectivo final da rede é desenvolver e patentar fármacos de utilidade inmunoterapéutica para o tratamento de enfermidades infecciosas, autoinmunes e cancro e iniciar ensaios preclínicos e clínicos.