DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo B foi derrotado por Mareantes e os xuvenís acadaron un empate

Segunda derrota consecutiva do Ednon Universidade no campo do líder

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 16/11/2009
Por un contundente 12-0 o Ednon Universidade de Vigo foi derrotado este domingo na visita que realizou ao campo do líder da División de Honor B, o Hernani. Na súa casa o equipo guipuscoano non deu opción aos vigueses nun partido que o líder da categoría, que aínda non perdeu esta temporada ningún encontro, dominou de principio a fin. Tras esta nova derrota o Ednon Universidade de Vigo sitúase no quinto posto da clasificación con 10 puntos, un máis que o Getxo Artea R.T que será o seu vindeiro rival. Este novo encontro entre galegos e vascos disputarase no campo do campus de Lagoas Marcosende o domingo, 22 de novembro.
Pola súa banda o outro equipo sénior, o Universidade Vigo B, non puido manter o nivel amosado hai unha semana ante o Zalaeta e foi derrotado polo Mareantes por 43-21. No partido disputado en Pontevedra, correspondente á quinta xornada do Torneo Rexional, o equipo vigués careceu de ideas no seu xogo, circunstancia que foi aproveitada polo rival. Os vigueses que ocupan o sexto posto da clasificación enfrontaranse ao Muralla que vén de vencer ao CRAT por 20-0.

O equipo xuvenil empata no seu debut

A primeira xornada do Torneo Xuvenil saldouse cun empate para o equipo universitario. 10-10 foi o resultado final do encontro disputado cos Ingleses de Vilagarcía. Cun papel moi destacado por parte do número oito dos vigueses, Dani, o partido foi moi igualado, circunstancia que acabou por reflectirse no marcador. Na segunda xornada do torneo o Universidade recibirá ao Zaleta.