DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vixente campión galego queda nunha situación delicada tras caer ante o Xadrez Tui A

Segunda derrota do EXP-Uvigo-Xadrez Estratexia pola Paz

Esta fin de semana foi a presentación oficial da nova sede dos equipos en Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 19/02/2018

Unha segunda derrota na casa deixa ao EXP-Uvigo-Xadrez Estratexia pola Paz, vixente campión da liga galega nunha situación delicada. Caeu 2.5-3.5 fronte ao Xadrez Tui, quen lidera a clasificación a 13 puntos co Xadrez Ourense, deixando ao equipo pontevedrés na quinta posición, a catro puntos dos primeiros clasificados.

Pese á derrota esta foi unha fin de semana especial para os universitarios, xa que coincidiu coa presentación oficial da nova sede dos equipos en Pontevedra. As partidas desenvolveranse a partir de agora na Casa da Luz, na emblemática praza da Verdura, e para arroupar ao equipo desprazáronse ata alí o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, que realizou o saque de honra no sexto taboleiro, o de Rubén Fernández, en recoñecemento ao título acadado a pasada semana de Campión Galego Sub14; e a concelleira Anxos Riveiro, que se encargou do saque de honra no primeiro taboleiro dun dos equipos base.

Como equipo visitante o Xadrez Tui chegaba como líder e coa súa mellor aliñación da tempada, con dous Mestres Internacionais, dous excampións galegos absolutos e dous excampións de categorías base. “É un equipo recén ascendido con gañas de presentar as súas credenciais como candidato á coroa galega”, explica o capitán Pablo García.

O partido foi un choque intenso con dúas batallas moi diferentes, por un lado, a dos taboleiros 4, 5 e 6 nos que os pontevedreses foron claramente superados, con derrotas para David García e Rubén Fernández, e un empate rescato in extremis pola veteranía do Mestre Rivera; e, polo outro, os taboleiros 1, 2 e 3 no que os mellores taboleiros do Tui recibiron os envites locais con vitorias de Alberto Portela e Pablo García no 1 e no 3, e derrota do Senlle no 2. O resultado final, 2.5-3.5, deixa o EXP-UVigo sen apenas marxe de erro, xa que unha nova derrota deixaría aos pontevedreses sen opcións para revalidar o título da pasada tempada.

Esta semana o equipo desprazarase a Ourense

O próximo encontro do EXP-Uvigo-Xadrez Estratexia pola Paz será este sábado día 24 en Ourense fronte ao Liceo Grupo Academia Postal, un equipo liderado polo Mestre Internacional Arián González, que suma dúas derrotas e unha vitoria nas tres primeiras rondas.