DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun ciclo de conferencias que se desenvolven na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

A segunda edición do Foro Aero arranca achegándose á figura do aviador Joaquín Loriga

O escritor e investigador Daniel González foi o encargado de repasar a historia deste personaxe

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 21/09/2017

O curso pasado a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense puxo en marcha, no seu primeiro ano de funcionamento, unha iniciativa que baixo o título Foro Aero quería ofrecer ao seu alumnado un ciclo de conferencias que lle proporcionase diferentes perspectivas sobre temas de interese na súa área. Este xoves, co curso 2017/2018 xa iniciado, o centro comezou a segunda edición desta iniciativa cunha conferencia do escritor e investigador Daniel González sobre o aviador Joaquín Loriga Taboada, patrón desta Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

Este achegamento histórico á figura de Loriga, explicou Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, prodúcese tendo en conta que o pasado curso académico o alumnado deste centro escolleu este personaxe como patrón. Tomando como referencia a súa data de nacemento, esta conmemoración tería lugar o día 23 de setembro, trasladándose nesta ocasión ao venres 22 debido a que coincide cun sábado, día non lectivo. Para falar desta figura escolleuse a un recoñecido divulgador da historia e do patrimonio da comarca de Deza como é Daniel González, nado, ao igual que o aviador homenaxeado, en Lalín. Na súa traxectoria, González Alén ten publicado tres obras arredor da figura de Loriga Taboada.

Un aviador que “marcou unha época”

“Na época dos grandes voos mundiais”, explicou Daniel González, Joaquín Loriga, nado en 1895, converteuse nunha figura “mundialmente coñecida” pola súa apaixonante traxectoria. Aviador e militar, a súa carreira comeza a destacar cando na guerra do Rif recibiu a medalla militar xunto a outros aviadores distinguidos pola súa participación neste conflito. En 1924 foi destinado ao aeródromo de Cuatro Vientos, en Madrid, e alí en 1926 pilotou o autoxiro de Juan de la Cierva na súa proba inaugural, o antecedente dos actuais helicópteros. Ese mesmo ano e no medio dunha grande expectación, iniciou coa escuadrilla Elcano o raid de Madrid a Manila, realizando unha viaxe de 33 días e 18.900 quilómetros chea de contratempos.

Na traxectoria de Loriga, Daniel González destacou tamén a viaxe que fixo en 1927 a Galicia, onde aterrou o seu avión no Monte do Toxo, en Lalín, no medio dunha grande expectación. “Nese momento e nese lugar foi o nunca visto, como se hoxe aterrase aquí unha nave espacial”, salientou con humor o investigador, que lembrou como en Lalín permanece unha estatua dedicada ao aviador, feita polo escultor Francisco Asorey. Ao pouco tempo desta viaxe a Galicia, o aviador, lembrouse na conferencia, morreu con tan só 33 anos no aeródromo de Cuatro Vientos ao estrelarse o avión que pilotaba.

Estas e outras anécdotas da vida do aviador de Lalín foron explicadas polo investigador ao alumnado e profesorado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo presente na conferencia celebrada no Edificio Politécnico do campus. Neste contexto, Daniel González destacou a pertinencia da elección de Loriga como patrón da escola, pola traxectoria como aviador, “por ter exercido sempre de galego” e porque “era unha persoa moi instruída”. Joaquín Loriga, recalcou, “marcou unha época”. Coa súa lembranza arrancou un ciclo de conferencias, o Foro Aero, que continuará ao longo deste curso académico traendo ao campus profesionais de diferentes eidos para enriquecer a formación dos futuros enxeñeiros e enxeñeiras aeronáuticas.