DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase no edificio Redeiras o 29 e 30 de xuño aberto ao público en xeral

A segunda edición do Seminario de Pensamento impulsado pola UVigo reunirá catro das personalidades máis recoñecidas sobre o Antropoceno

Reflexionarase sobre múltiples cuestións desde unha perspectiva tanto científica como filosófica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Cultura
  • Internacional
  • Cultura
D. Besadío DUVI 22/06/2023

Catro pensadores do máximo prestixio a nivel mundial participarán a vindeira semana en Vigo na segunda edición do Seminario Internacional de Pensamento Contemporáneo, unha iniciativa posta en marcha pola Universidade de Vigo no 2019 e que, tras o parón pola pandemia, retoma o impulso co mesmo obxectivo co que naceu “abordar temas candentes na reflexión teórica internacional”. Nesta ocasión a cita será o 29 e 30 de xuño no edificio Redeiras, aberto ao público en xeral, e levará por título Pensar o Antropoceno, un termo que remite á perspectiva científica contemporánea segundo a cal a época xeolóxica actual estaría distintivamente marcada, por primeira vez na historia do planeta, pola pegada humana.

Nas xornadas intervirán numerosos científicos e pensadores de prestixio e ao fío das súas intervencións tratarase de reflexionar desde unha perspectiva tanto científica como filosófica “sobre as consecuencias destes cambios para a nova forma de estar no mundo o ser humano actual, así como as posibles, ou non, solucións aos novos problemas”, explica a profesora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá e recoñecida xermanista Helena Cortés, integrante do comité organizador, un amplo grupo de académicos e académicas locais e internacionais, coordinados polo prestixioso investigador vigués Alberto Moreiras, licenciado en Filosofía na Universidad de Barcelona, profesor do Departamento de Estudos Hispánicos da Universidade de Texas e, anteriormente, profesor noutras universidades de Estados Unidos e Europa.

Dipesh Chakrabarty, Jan Zalasiewicz, Claire Colebrook e Nigel Clark

Cortés fai fincapé en que nesta segunda edición do seminario conseguiuse convidar como poñentes plenarios a “algunhas das personalidades máis recoñecidas no ámbito do pensamento actual sobre o chamado Antropoceno e as preguntas que suscita”, explica a docente. Desde Estados Unidos chegarán Dipesh Chakrabarty, da Universidade de Chicago, e Claire Colebrook, da Universidade Estatal de Pensilvania, e, dende o Reino Unido, Jan Zalasiewicz, profesor emérito da Universidade de Leicester, e Nigel Clark, docente da Universidade de Lancaster.

“Dipesh Chakrabarty é un historiador bengalí, enfocado en estudos poscoloniais”, explica Cortés, ao que engade que desde 2009 Chakrabarty estuda os problemas derivados do quecemento global con importantes achegas teóricas en relación co novo modo de pensar na historia da humanidade. No caso de Jan Zalasiewicz é un xeólogo, paleontólogo e estratígrafo experto en ecosistemas fósiles. É membro do grupo de traballo global que reflexiona sobre o Antropoceno, Antropocene Working Group. “El e os seus colegas propuxeron por primeira vez á comunidade mundial adoptar formalmente a era do Antropoceno como un novo intervalo xeolóxico da terra, aínda que o nome ou idea xa tiñan sido suxeridos e mencionados antes polo Premio Nobel holandés Paul Crutzen ou polo biólogo americano Eugene Stoermer”, salienta a profesora da UVigo.

Claire Colebrook é unha feminista e teórica cultural australiana, editora das Series de Libros Críticos do Cambio Climático, na Open Humanities Press. No caso de Nigel Clark interésase, sobre todo, polo modo no que a vida social se ve alterada e modelada polas forzas físicas e como as especies adquiriron a súa actual condición xeolóxica, “por exemplo, como usaron os humanos o fogo para transformar os materiais terrestres e, en paralelo, ían modelando de modo inconsciente os seus mundos físicos e sociais”.

Especialmente pensado para o profesorado, tanto universitario como de ensino de medio

A cita, que na súa primeira edición se levou a cabo no campus, trasládase nesta ocasión ao centro da cidade, achegándose así ao potencial público interesado. “É un intento de achegar á vida cultural da cidade o que se fai no mundo académico”, salienta Cortés, resaltando así a idea de que o evento é de interese para todas as persoas interesadas neste tipo de problemas que “ao fin e ao cabo nos afectan a todos”, pero está especialmente pensado para o profesorado, tanto universitario como de ensino medio, “que son os que poden tratar estes temas nas súas clases, reflexionar sobre eles e difundilos entre o seu alumnado”.

Ao evento poderase asistir presencialmente de modo libre ata completar a capacidade da sala, pero tamén pode seguirse en liña a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo, a través da sala Palacio de Congresos – S01- II Seminario de Pensamiento Contemporáneo, empregando como contrasinal ‘UVigo’.