DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os participantes percorrerán as zonas da Peroxa e dos Peares

A segunda ruta cultural chegará en catamarán ao río Sil

Amplíase a 112 as prazas dispoñibles para o campus de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 29/10/2013
Ao longo dos seus anos de celebración, as rutas culturais que cada curso organiza o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo intentan, sempre que poden, achegarse á Ribeira Sacra e descubrir nela novos percorridos. A vindeira andaina, que se celebrará o día 9 de novembro, levará aos participantes a descubrir camiñando a paisaxe das zonas da Peroxa e dos Peares pero terá tamén o aliciente de percorrer en catamarán este enclave e obter desde o barco unha perspectiva diferente del.

O percorrido, de 21 quilómetros de distancia e dificultade media, seguirá o itinerario A Peroxa, Pousada, Gulfariz, Peares, Fiscal, Sobrado, Miradoiro da Moura, Biduedo, Paradelo e Mosteiro de Santo Estevo. A excursión inclúe de xeito especial unha visita guiada ao Castelo da Peroxa e ao remate haberá unha viaxe en catamarán polo río Sil. “A ruta comeza no Castelo da Peroxa e descende progresivamente ata chegar ao río Miño, que remontaremos ata Os Peares. Neste punto comezan os cinco quilómetros máis duros da andaina para gañar altura ata a necrópole megalítica de Moura e contemplar a Ribeira Sacra no seu esplendor. Os derradeiros quilómetros non requiren moito esforzo descendendo suavemente ata o fantástico Mosteiro de Santo Estevo”, explica José García-Calvo Willy, coordinador das rutas desde o campus de Ourense.

Alta demanda

A estrela desta andaina, destacan os seus organizadores, será a viaxe en catamarán polo río Sil e poder ver desde o barco a excepcional paisaxe da zona, que neste momento está xa inmersa no outono. “É unha ruta moi recomendable, tanto pola paisaxe como pola experiencia de percorrer en barco este enclave”, apunta José García-Calvo. Como mostra do interese suscitado, a alta demanda de participación fixo aos seus organizadores ampliar de 75 a 112 as prazas dispoñibles para o campus de Ourense, prazas que en primeira convocatoria se esgotaron moi axiña nos tres campus nos que se abriu a inscrición.

Ampliado o número de participantes, como en anteriores ocasións, poden inscribirse nesta andaina persoas da comunidade universitaria e de fóra dela, cun custe de 10 euros para o primeiro colectivo e de 15 para o segundo. As saídas serán ás 09.00 horas dende Ourense na cafetaría Bekas, ao lado do campus; en Pontevedra nas proximidades do Cafetín da Alameda; e en Vigo na antiga Reitoría da rúa do Areal, estando previsto o regreso a media tarde. Os inscritos deberán levar a súa propia comida e o equipo aconsellable para este tipo de actividades de deporte ao aire libre.