DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un proxecto busca recuperar a memoria desta tradición oleira desaparecida nos anos 40

Unha segunda vida para a louza de Bamio

Trátase dunha iniciativa da Asociación de Mulleres Rurais da zona e de Beatriz Comendador

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 23/02/2017

Na parroquia de San Xinés de Bamio, no Concello de Vilagarcía de Arousa, houbo unha importante tradición oleira, concretamente de louza, coñecida a través de documentos históricos, arqueolóxicos e testemuñas pero perdida desde finais dos anos 40. Contra este esquecemento, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, con Beatriz Comendador ao fronte, e a Asociación de Mulleres Rurais da zona están a desenvolver o Proxecto Louceiros de Bamio. O seu obxectivo é “recuperar a memoria oral compartida desta parroquia para conservar e revitalizar aspectos que, xuntamente coa memoria dos coñecidos como louceiros, teñen conformado a nosa cultura”.

Recuperando a memoria entre todos

Desde arredor do ano 2010, explica Beatriz Comendador, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio colabora con entidades desta zona para durante o mes de agosto realizar algunha actividade de valorización da súa arte rupestre, concretamente dos petróglifos dos Ballotes. Froito deste contacto periódico, “quixemos ir máis alá e facer algo máis amplo para revalorizar e recuperar o patrimonio de Bamio”. Deste xeito, apunta, no verán de 2016 puxeron en marcha coa Asociación de Mulleres Rurais de Bamio este proxecto arredor da olaría típica deste lugar. “A participación da asociación de mulleres é fundamental”, subliña a historiadora, que fai fincapé na necesidade de fomentar a socialización do patrimonio implicando na súa valorización e conservación ás comunidades onde se asenta.

A finais dos anos 40, explican as persoas promotoras do proxecto, os derradeiros louceiros de Bamio abandonaron o traballo do barro e a súa memoria perdeuse, a diferenza doutras tradicións conservadas ou recuperadas en Galicia, como as de Buño ou Gundivós. A pesar desta circunstancia, aínda se poden coñecer as pezas orixinais saídas dos seus fornos por estar conservadas en importantes coleccións e museos, como o Museo do Pobo Galego ou o Museo de Pontevedra, ademais de atoparse polas leiras e xardíns de Bamio restos de louza, rodas de oleiro, pías e outros elementos.

No proxecto Louceiros de Bamio convídase a colaborar á veciñanza de Bamio a través de diferentes vías, achegando as súas lembranzas, saberes e fotografías antigas; buscando se queda louza ou outros elementos como rodas ou pías polas súas casas e os xardíns e tamén participando das diferentes actividades que se van realizando no marco desta iniciativa. Desde a súa posta en marcha, comenta Beatriz Comendador, levan realizado no marco deste proxecto un obradoiro coa veciñanza para ver que lembranzas tiñan; actividades de difusión cos nenos e nenas da zona na súa Axencia de Lectura; un percorrido pola aldea para recuperar lembranzas no territorio e unha exposición participativa aproveitando a celebración en Bamio dun serán folclórico. “A resposta da xente está sendo fantástica”, recalca a docente da Facultade de Historia do campus de Ourense.

Próxima cita, o sábado 25 de febreiro

No marco desta programación, a esta investigación híbrida que están a levar a cabo persoal investigador e veciñanza sumarase o día 25 de febreiro a comunidade de Alg-a Lab, acollendo este espazo independente de creación contemporánea situado en Valladares, Vigo, unha exposición-obradoiro sobre este proxecto. A xornada, que se enmarca dentro do Programa de Estudos en Man Común Ruralidades, Comúns e Feminismos, contará cunha conversa con representantes da Asociación de Mulleres Rurais de Bamio e Beatriz Comendador na que explicarán as memorias agochadas a través desta forma artesanal de facer a louza, así como o traballo que están impulsando de cara a recuperar a memoria desa terra. Ademais estarán Samuel Otero, residente de Alg-a Lab, e Eloi Mancebo, impulsor de Feitura. A xornada está aberta á inscrición das persoas interesadas.