DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os xogadores Sub-6 de rugby gañaron o IX Torneo de Inverno de Valladolid, un dos máis importantes

Segunda vitoria consecutiva do Blusens, que deixa de ser pechacancelas

O universitario de xadrez debuta en casa con éxito nunha tempada que contará cun novo equipo, o UVig

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 21/01/2013

Comezo de ano espectacular para o Blusens Universidade de Vigo de rugby, que encadea dúas vitorias consecutivas e abandona o posto de pechacancelas da División de Honra. E iso que todo parecía estar en contra: o tempo, que anegou o campo de As Lagoas-Marcosende e obrigou a trasladar o partido por primeira vez ao campo de herba artificial de Monteporreiro, en Pontevedra; e o contrincante, o Atlético de Madrid, que recalaba en Vigo coa imperiosa necesidade de gañar o partido para entrar nos play offs polo título. Sen Talakai, sancionado, e sen Carlos Blanco, recrutado pola selección española, foron Moeke e Alejandro Blanco os que sacaron as castañas do lume ao Blusens nos últimos minutos de partido, deixando o marcador no definitivo 17 a 16.

Non empezou con bo pé o club vigués, que perdeu a Wyper por lesión dun xeonllo aos tres minutos de partido e que tivo que loitar contra un Atlético que se mantivo por diante no marcador durante case todo o partido, xa que os primeiros puntos locais non chegaron ata o minuto 62. Houbo que esperar á segunda metade para ver ao Blusens recuperarse, deixar de sufrir na melé, tomar boas decisións e crear xogadas con perigo baixo a dirección de Maguna e Moeke. Xa cara o final do encontro o equipo vigués comezou o asedio dos 5 metros visitantes con reiterados golpes de castigo a favor por infraccións do Atlético e coa xogada final que acabou en vitoria para os de David Monreal: ensaio de Alejandro Blanco e posterior transformación de Moeke para delirio das 250 persoas que gozaban do partido nas bancadas. A vindeira semana o Blusens terá unha nova proba como visitante en Madrid do CR Cisneros, que marcha na sétima praza.

Bos resultados das categorías inferiores de rugby

O equipo absoluto non foi o único en desempeñar un bo papel esta fin de semana, xa que as categorías Sub-6 e Sub-10 participaron con éxito no IX Torneo de Inverno do Club El Salvador de Valladolid, un dos máis importantes de todos os campionatos celebrados en España. O mellor resultado acadouno o equipo Sub-6, os Linces, campións na súa categoría cuns marcadores contundentes: 8-0, 8-1 e 8-2. Mentres, a categoría Sub-12 consolídase na mitade alta da táboa e clasificándose para a Copa Plata. Pola súa banda, o equipo Sub-8 non puido competir ao suspender o torneo na categoría pola choiva e o Sub-14 non se puido presentar ao coincidir once dos seus xogadores na concentración da selección galega en Santiago.

Grandes retos na nova tempada de xadrez

Segunda xornada da Liga Galega de Xadrez, debut en casa do Universidade de Vigo e vitoria ante un dos novos equipos da categoría, o Círculo Chantadino. Tras a derrota pola mínima a semana pasada ante o Xadrez Ourense, o equipo vigués acendeu motores e comezou a remontada para alcanzar ao actual líder, o Círculo Ferrolá. Fíxoo cun contundente 4.5 a 1.5 con puntos de Miguel Senlle, Francisco Carrera, Alberto Estévez e Pablo García, máis o empate de Manuel Pena fronte ao Gran Mestre serbio Dragan Paunovic. A única derrota foi a do Mestre Internacional universitario Diego Guerra fronte ao chantadino Tomás Alonso. Un bo resultado para o arranque dunha nova tempada “con moitos e grandes retos por diante” na que os vigueses defenden a coroa de campión de Galicia e o seu posto na Primeira División Nacional.

Outra das novidades da tempada é o UVigo 2020, un equipo formado polos xogadores do programa de Promoción do Deporte en Idade Escolar da sección de Xadrez da Universidade de Vigo que xogará na Terceira División e que gañaron esta semana 8-0 pola incomparecencia do seu rival, o Xadrez Tui C. Por outra banda, derrota na Primeira División do UVigo-XG por 1.5 a 2.5 fronte ao ENCE-Xadrez Marín.