DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alberto Guitián presenta a súa visión e traxectoria como profesional da ilustración

A segunda xornada de 'De promesa a realidade' abre as portas ao mundo da ilustración

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Francisco Prieto / Cristina Rodríguez DUVI 22/03/2013

Tras coñecer o pasado xoves as vivencias da deseñadora Eva Monroy, a segunda xornada do ciclo De promesa a realidade achegou á Facultade de Belas Artes a experiencia e traxectoria de Alberto Guitián, ilustrador e antigo alumno da Universidade de Vigo. A través das súas propias vivencias, Guitián deu a coñecer como está actualmente a situación do mercado laboral e cales son as principais tendencias que están a acontecer no sector do deseño. Ademais, fixo un percorrido cronolóxico da súa traxectoria a través dalgúns dos seus mellores traballos e explicoulles aos alumnos presentes cales foron as maiores trabas coas que atopou no mundo laboral, a infinidade de cousas que aprendeu e cal é o verdadeiro significado da súa vocación.

Alberto Guitián realizou traballos de ilustración para diferentes medios e soportes así podemos atopar a súa firma en obras de publicidade, editorial e monografía. Traballou en Barcelona ás ordes de Mariscal na creación da película de animación Chico y Rita, realizou traballos para as revistas El Jueves e Retranca, creou a tira cómica Petaco y Suso e é o autor do libro Fito y Pita. Ademais Alberto Guitián é membro da asociación Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).

Contexto actual

A situación na que se atopa agora mesmo o mercado laboral conta cunha serie de aspectos que por unha banda favorecen ó sector, pero que por outra están causando malestar na profesión. Deste xeito, como comentaba Guitián “nun contexto negativo atopamos que o novo mercado está chegando a saturarse de xente que fai o que sexa por vender a prezos moi baixos, é o que se pode denominar como unha sobreoferta. A xente que quere traballar está disposta a facelo a calquera prezo, crean precedentes e logo vai a ser moi difícil saír desa dinámica”.

A pesar de que son moitos os anos que os profesionais levan traballando, os prezos seguen conxelados e o investimento en cultura non axuda a crear novas saídas. “A crise económica e o uso extensivo da Internet prexudica aos ilustradores españois porque non poden competir cos prezos de outros ilustradores como os de Arxentina ou Eslovenia”, explicaba.

Por outra banda, o ilustrador subliñou que se existe tamén outra traba que prexudica ao sector, “pois a maioría dos ilustradores son freelance que dependen dos pagamentos das axencias que polo normal teñen prazos demasiado longos para remunerar o traballo feito, entre 60 – 90 días”. Ademais, un dos grandes soportes tradicionais máis importantes para a ilustración está pasando por unha época de decadencia. “A prensa está actualmente nunha situación na que teñen que despedir xente polo que agora é moi complicado colaborar con eles. Un dos erros que lles está a acontecer é o feito de non conseguir adaptarse ó medio online”. Sen embargo, Guitián apuntou algúns aspectos positivos como o recoñecemento que están a ter os ilustradores galegos a nivel internacional. “Poderiamos dicir que isto é posible grazas a ferramentas de difusión do traballo como é Internet; a través da difusión dixital os ilustradores poden amosar a súa obra persoal a través da rede, canta máis xente vexa o seu traballo máis posibilidades teñen de recibir encargos”.

Os gustos de Guitián

Ao longo da súa exposición, Alberto Guitián referiuse ás súas preferencias e gustos á hora de desenvolver o seu traballo, como a tinta, o pincel a súa técnica preferida, ademais do seu gusto polo debuxo sintético, tanto no debuxo como na narración visual. Afirmou o convidado que se inclina polo sentido do humor e da retranca nas súas creacións e gústalle o humor gráfico polo chance para facer variedade, mesturar e acudir a cousas xa creadas das que se poden sacar contidos. Concluíu a súa conferencia reiterando con firmeza que “para que funcione unha idea o que importa é como está feita, a través de como debuxas podes transmitir sensacións. A idea ou sensación que queres transmitir vai en función de como o fas".